No volume ilustrado ‘Quero ser investigadora 3’ recóllense as historias de dez investigadoras da Universidade de Vigo que contan en primeira persoa a súa traxectoria no eido da investigación, co obxectivo de dar a coñecer o seu traballo e proporcionar referentes actuais as novas xeracións.
Desta vez, acomopáñannos dúas delas. Coral del Río Otero, doutora en Economía pola Universidad Carlos III de Madrid e na actualidade catedrática na institución viguesa. Os seus traballos insírense dentro da Economía Feminista, sendo a súa principal liña de investigación a análise económica da desigualdade e da pobreza. E tamén Irimia Mollinedo Cardalda, graduada en Fisioterapia e Doutora pola Universidade de Vigo con premio extraordinario de doutorado. Dende o 2019 imparte docencia na Facultade de Fisioterapia. Forma parte do grupo de Investigación HealthyFit, nas liñas de envellecemento e enfermedades neurodexenerativas e o seu tratamento con exercicio terapéutico.
Cando decidistes que queriades ser investigadoras?
Irimia: Non tomei a decisión de ser investigadora, senón que a investigación veu a min. En certo modo, a miña profesión é un exercicio de investigación. A persoa doente entra pola porta cunha pequena historia e nós formulamos unha hipótese, en base á cal aplicamos certas técnicas.
Coral: No derradeiro curso da carreira, eu xa estaba botándolle un ollo á universidade porque me interesaba a investigación. Xa me parecía que era interesante facerse preguntas e intentar darlle resposta.
Vós pertencedes a dúas xeracións diferentes. Que referentes tivestes?
Coral: Referentes académicos, ao principio, non tiven. Agora si, hai moitas mulleres que admiro na profesión. Nos inicios eran referentes vitais, coma a miña nai. En Economía, na miña época, só escoitei falar dunha muller, Joanne Robinson. Nunca lle deron o Nobel. Hoxe en día segue a ser unha cuestión inverosímil.
Irimia: Na nosa facultade a maioría somos investigadoras. A miña persoa de referencia foi unha muller: a australiana Jill Cook. Ela revolucionou o mundo da tendinopatía. Achegou un tratamento novidoso para esas doenzas, que é o exercicio activo.
Que beneficios considerades que achega o voso traballo á sociedade?
Coral: Se estamos dacordo en que a discriminación, a segregación ou niveis elevados de pobreza son males que ten a nosa economía, o primeiro paso é facer un diagnóstico. Ver como están de desenvoltos eses males... Hai que cuantificalo, iso é importante. Primeiro, para saber cal é a situación actual. E unha vez que cuantificamos, o que queremos saber é se hai efectos positivos cando aplicamos unha política redistributiva. Precisamos medilo antes e despois. É basico para poder mellorar.
Irimia: A fisioterapia pode diminuír os custes para a sanidade pública. Hoxe en día trabállase máis no tratamento da patoloxía que para previr esa patoloxía. Poderiamos aforrar no tratamento farmacolóxico, que é moi elevado.
Con que dificultades te atopaches para desenvolver a túa carreira profesional?
Coral: Acabei a carreira no 1989 e, nese momento, nin sequera existía a Universidade de Vigo. Cando entrei a traballar no departamento de Economía Aplicada, non había cursos de formación específica para os temas aos que eu me quería dedicar, entón tiven que completar a miña formación nunha universidade de Madrid. Estiven alí facendo os cursos de doutoramento.
Por que credes que é necesaria a divulgación científica e que vos aporta a vós o feito de participar nesas iniciativas de divulgación?
Irimia: Sen divulgación non vale de nada o que facemos. Todo o que imos descubrindo ten que chegar non só ao campo reducido de científicos e mesmo profesionais, senón tamén á xente de a pé. A investigación non vale de nada se non chega á sociedade. E a min dáme moita satisfacción saber que podo axudar a unha pequena parte da poboación con terapias gratuítas que non hai no sistema público. É moi reconfortante.
Coral: Eu penso que a divulgación, pensando como docente, é moi importante porque hai que facer canteira. Eu xubílome nuns cantos anos e quero ver que deixo atrás. O segundo motivo é influír socialmente. A divulgación permite tocar a tecla que faga vibrar outras, estivo moi descoidada durante as décadas pasadas, é unha ledicia saber que neste momento é un aspecto importante.
Como animariades a esas mozas que están agora na ESO ou no Bacharelato para que se dediquen á investigación?
Irimia: Non só absorvemos coñecementos das persoas docentes, senón que podemos extraer as nosas propias conclusións e facer as nosas achegas. Hai que manter a curiosidade e seguir formándonos. Canto máis nos formamos, menos sabemos. Unha vez que empezamos, iso segue. É difícil de frear.
Coral: É unha actividade moi estimulante e moi creativa. Se falamos de economía, para que non nos enganen tan facilmente. Hai moito discurso populista, quérennos vender cousas absurdas e temos que empregar a cabeza. É un pilar fundamental para mellorar a sociedade. E ese é un obxectivo marabilloso na vida.