A LIMIA

Aberto o prazo de prematrícula no Conservatorio de música limiao

Os nenos e nenas a partir dos 8 anos poderán matricularse no primeiro curso do Grao ElementaL

Aberto o prazo de prematrícula no Conservatorio de música limiao

O máximo organismo público de formación musical da comarca da Limia, o Conservatorio Profesional de Música de Xinzo, vén de iniciar o prazo de prematrícula para o curso 2018-2019. A entidade ofrece formación musical regrada con especialidade en máis dunha ducia de instrumentos, a saber, piano, violín, guitarra, viola, trompeta, trompa, bombardino, frauta traveseira, trombón, tuba, clarinete ou saxofón.

Os conservatorios profesionais de música ofrecen a posibilidade de obter o Grao Elemental ou o Grao Profesional en Música, ámbalas dúas titulacións oficiais. Así mesmo, ofrecen a posibilidade de convalidación de materias na ESO e no Bacharelato, á fin de que os alumnos poidan simultanear con maior facilidade a súa formación artística.

Os nenos e nenas a partir dos 8 anos poden matricularse no primeiro curso do Grao Elemental. En suma, os máis pequechos –6 anos– tamén dispoñen de aulas de "Música e movemento" e para os de 7, o centro oferta "Iniciación musical". O horario de atención da secretaría da institución para as prematriculacións está fixado de luns a venres, polas tardes, entre as 15,30 e as 20,30 horas. O prazo remata o día 14. Para máis información tamén poden poñerse en contacto no teléfono 600 435 655 ou no correo electrónico cmus.profesional.xinzo@edu.xunta.es.