A LIMIA

O alcalde de Sandiás reclama os servizos de autobús suprimidos

O alcalde da formación Agrelsán critica o feito de que os pobos de A Chousela e de Arcos, quedaran fóra do transporte interurbano

O rexedor de Sandiás, Felipe Traveso, ven de sumarse ás peticións doutros alcaldes como o de Trasmiras ou o de Cualedro, para reestablecer os servizos de autobuses suprimidos logo da instauración do novo sistema de transporte público de viaxeiros por parte da Xunta de Galicia. Traveso denuncia que a nova estrutura deixou ao concello de Sandiás "prácticamente incomunicado," feito que non axuda en absoluto, segundo o primeiro edil da localidade, "a fixar poboación no rural". 

O alcalde da formación Agrelsán critica o feito de que os pobos de A Chousela e de Arcos, quedaran fóra do transporte interurbano e, neste senso, solicita "que se dote inmediatamente a estes núcleos de servizo". 

Por outra banda, Traveso fai tamén un chamamento para que as liñas de autobuses que van a Xinzo, pasen tamén a recoller aos veciños de Vilariño das Poldras, de A Chousela e de Arcos. E por último, e "máis importante", que de xeito inmediato se restableza o servizo cara Ourense e Verín, dirixindo os autobuses pola estrada Nacional 525, "como facían ata o de agora", dado que este feito non suporá unha perda de tempo, segundo sinalou o rexedor. 

O alcalde de Sandiás rexistrou estas alegacións no Servizo de Mobilidade da Xefatura Territorial de Infraestruturas. 

Te puede interesar