A LIMIA

O Antela e o CDR O Viso farán unha recollida de alimentos

Dende o CDR piden, para o seu programa de emerxencia social, produtos non perecedeiros e básicos de hixiene

 A directiva do Antela Fútbol Club promoverá unha recollida de alimentos para as persoas que os precisen este domingo en Xinzo, e en colaboración co Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Neste senso, as persoas que queiran acceder ao interior do Generali Moreira para presenciar o encontro entre o equipo local e o Mondariz F. C. poderán facelo entregando varios quilos de alimentos en lugar de costearse unha entrada. Tres quilos de bens de primeira necesidade poderán trocarse por un pase ao interio do campo. O xogo comezará ás 16,15 horas. 

Dende o CDR piden, para o seu programa de emerxencia social, produtos non perecedeiros e básicos de hixiene. Este proxecto está destinado a persoas en situación de vulnerabilidade da comarca da Limia e funciona, por unha banda, como entidade de reparto e, pola outra, como de consumo -dispensación de comidas transformadas nos domicilios de persoas usuarias ou transporte e comida no Centro de Inclusión de Lodoselo-. O programa está subvencionado dende a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través dos fondos do IRPF 2017 e dende a convocatoria da Deputación a entidades de iniciativa social. 

Dende o CDR agradecen ao Antela a súa colaboración e felicítano polo seu "bo traballo" e por "apoiar iniciativas que contribúen á inclusión social".n

Te puede interesar