A LIMIA

Unha app conectará ós veciños co Concello de Vilar de Santos

<p></p>
photo_camera O Concello busca mediante esta aplicación a "modernización dixital" do municipio.

A veciñanza poderá facer consultas ou suxestións dende a nova aplicación para dispositivos móbiles 

O Concello de Vilar de Santos vén de dar un paso máis para fomentar a transición dun modelo analóxico a un dixital no municipio. Trátase dun programa de modernización promovido polo goberno local, para o que hai unha data límite de implantación: este mesmo ano 2018.

Logo da mellora e actualización tanto do portal web da entidade local -vilardesantos.gal- como do novo servizo da Administración Electrónica -vilardesantos.sedeelectronica.gal-, o Concello acaba de lanzar unha sinxela aplicación municipal: "Vilar de Santos App", que se poderá instalar en dispositivos móbiles e que está pensada para potenciar a participación da cidadanía.

"Vilar de Santos App" é, tal e como sinala o rexedor local, Xan Jardón, unha ferramenta para o servizo público onde, ademais de mostrar os contidos da actualidade do Concello, "abrimos unha canle de comunicación directa cos veciños e veciñas" para que poidan facer consultas, enviar incidencias ou suxestións en cuestións como as avarías do servizo de auga, saneamento, alumeado público, camiños ou mobiliario urbano e, ao mesmo tempo, recibir notificacións e avisos importantes en tempo real.


Estrutura da aplicación


Os servizos e características de "Vilar de Santos App" están estruturados en "Actualidade Municipal", "Axenda de Actividades", "Participación Cidadá", "Directorio Municipal", "Información práctica dos lugares de interese", "Avisos á cidadanía", "Acceso aos contidos multimedia da Web" e "Notificacións en tempo real".

Esta primeira versión xa está dispoñible para Android a través da plataforma Google Play e, dende o Concello, xa se está traballando para incorporala aos dispositivos Apple.

Te puede interesar