AGRICULTURA

Unha clase co “tractor" do avó

Ángel Suárez é un agricultor de patacas da Limia que, nun momento de morriña polos tempos pasados, decidiu arar unha plantación de millo "como se facía antes", coa axuda de Manola e Blanca e "para non perder a tradición"

Unha clase co “tractor" do avó

Manola e Blanca, dúas vacas "rubias gallegas" de 600 quilos de peso cada unha, foron as protagonistas do día de onte en Morgade. O seu dono, un agricultor deste pobo da comarca da Limia chamado Ángel Suárez, retomou a tradición que deixara 40 anos atrás, cando non había tractores, poñéndolle o "xugo" a estes dous exemplares para arar media hectárea de millo. "Son animais moi mansiños, deixanse botar a man e pórtanse moi ben", explica Ángel. "Fixen hoxe esta actividade pensando en que non se perderan as tradicións antigas e para ensinarlles aos cativos do pobo como se traballaba antes", engade o agricultor. 

É a primeira vez que estas dúas vacas, de catro e cinco anos de idade respectivamente, realizan esta tarefa xa que Ángel, que se adica profesionalmente ao sector da pataca e do millo, ten maquinaria profesional pero quixo rememorar a súa etapa da xuventude . "Eran os tractores que había antes, así se fixo toda a vida", sinala. 

Ángel Suárez non traballa so, xa que Manola e Blanca, que son noveis nesto de arar, teñen que contar cunha persoa que as dirixa para facer os surcos. O encargado de prestar a axuda é Pepe: "Elas camiñan pouquiño e hai que guialas", explica. "Primeiro fanse os surcos e, ao mesmo tempo, imos botando o millo. Despois dirixímolas de novo para facer a asoma", engade. 

Varios familiares e amigos, entre os que se atopa o fillo de Ángel, acompañan ao agricultor e a Pepe durante a xornada de traballo. Levan varias horas na terra, pero disfrutan rememorando esta tradición. "A cultura dun pobo é algo que non se debe de perder", di Manolo, outro dos veciños.

 "Levamos aquí dende as 09,00 horas da mañá, non almorzamos aínda", sinala Ángel. "Agora nun ratiño iremos xantar, pero despois de que o fagan elas", engade. E é que os dous animais viven, segundo o seu dono, "a corpo de rei". "Teñen todo o mimo que me falta a min, aos animais hai que coidalos. Elas pasan toda a tarde pastando nun prado que temos aquí pretiño", engade.

As vacas viven na corte que o agricultor ten en Morgade, xunto con outros cinco exemplares e un becerro que acaba de nacer.  Durante a mañá foron moitos os curiosos que se achegaron ata a finca de Ángel para sacar fotos e presenciar a escena.

 Os veciños sinalan que "non é habitual" ver na Limia traballar a terra tal e como se facía antes. "Penso que hai algúns lugares como Lucenza, Montealegre ou Bande nos que aínda se ara con animais, pero é algo moi anecdótico", sinala un dos veciños de Morgade. Tampouco faltan as risas: "Púxenlle Manola a unha delas por que así se chamaba a dona dun bar do pobo", conta Ángel. "Así a miña muller non sabía se andaba traballando coa vaca ou se estaba no bar". 

O traballo de Manola e Blanca remata por un longo tempo. "Agora teñen que descansar, que o teñen merecido", di Ángel.