CELEBRACIÓN

A asociación do Esquecemento busca un novo equipo directivo

Xinzo de Limia. 21-08-16. Provincia. Festa do esquecemento, paso do río Letes.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera O momento no que os romanos cruzan o río na Festa do Esquecemento de Xinzo.

Catro dos seis membros da xunta acaban de dimitir e a entidade pretende acometer unha renovación

A asociación Civitas Limicorum, encargada de levar a cabo a Festa do Esquecemento de Xinzo, ven de iniciar unha nova etapa despois de que esta semana se disolvese a xunta directiva responsable da entidade limiá logo da dimisión de catros dos seis membros da mesma. Os xa exmembros da comisión desta Festa, que terá lugar a finais do mes de agosto e na que se rememorarán as conquistas romanas en Galicia, esgrimiron a "incompatibilidade horaria" como o motivo que dificultaba a súa continuidade á fronte da asociación.  

Nunha recente xuntanza celebrada en Xinzo, a segunda do ano, informouse aos case 70 socios da nova situación da entidade e creouse unha "coordinación temporal" da que formarán parte as dúas persoas da extinta directiva que non dimitiron e seis voluntarios para atender os temas urxentes. "O vindeiro día 5 de maio, ás 20,30 horas , celebrarase outra reunión no Museo Galego do Entroido á que están convocados os socios e participantes na festa", explica Iván Prado, un dos continúan formando parte da directiva. "A intención é que ese día a coordinadora temporal pase a ser definitiva, pero non será unha directiva tradicional se non que o obxectivo é crear grupos de traballo capitaneados por unha persoa, coa finalidade de que sexa unha actividade o máis participativa posible", engade. Neste sentido Prado sinala a importancia de que a xente de Xinzo se involucre para crear un evento para todos: "Ten que ser a nosa festa. Para nós é un ben común e por eso queremos que a asociación medre en número de persoas. Invitamos a todo aquel que queira participar". 

Na vindeira asemblea, ademais da elección da nova coordinación, establecerase tamén un novo protocolo de actuación e o un novo método de traballo. "Queremos promocionar este evento, que se leva celebrando en Xinzo dende hai máis de 20 anos, como un ben cultural do que sexa partícipe toda a xente da vila. Queremos evolucionar como asociación", explica Prado. 

O Esquecemento é o segundo evento máis popular de Xinzo despois do Entroido e nel adoitan participar máis de 400 voluntarios. 

Te puede interesar