ENTROIDO

A asociación A Pantalla quere renovar a súa xunta directiva

"Queremos actualizarnos, incorporar mozos e mozas que sintan a nosa tradición e que aporten ideas novas", explica Suso Fariñas

A asociación A Pantalla celebrará mañá a súa primeira reunión do ano co obxectivo de tratar diversos aspectos, entre eles, a posibilidade de renovar a súa xunta directiva. Na actualidade, ocupan os cargos de presidente e de vicepresidente desta asociación Suso Fariñas e Segundo Diz, respectivamente. 

A xuntanza será na sede que ten a asociación dentro do Museo Galego do Entroido, a partir das 16.00 horas e estará aberta "a toda a poboación da comarca e arredores que teña interese no feito de preservar, promocionar e publicitar a figura da Pantalla e o Entroido limián, así como dos seus rituais e tradicións". 

Neste sentido, Suso Fariñas sinala que o que procuran acadar mediante esta asemblea é " o relevo xeracional". "Queremos actualizarnos, incorporar mozos e mozas que sintan a nosa tradición e que aporten ideas novas", explica Fariñas. 

Outros dos temas a tratar serán os vencellados ao establecemento de novas liñas de traballo para o vindeiro ano ou a actualización dos estatutos vixentes. 

A asociación A Pantalla naceu en Xinzo hai dúas décadas e conta, na actualidade, cun centenar de socios. Destaca a súa colaboración en varias das actividades que se realizan na vila con motivo do Entroido. Traballan de xeito activo para a recuperación das Máscaras tradicionais da festividade (os homes de palla, ou Meco) e realizan varias campañas de promoción da figura da Pantalla e da súa tradición por todo o país. 

Te puede interesar