OBRAS

A avenida Celanova de Xinzo será máis segura para os peóns

IMG_20170320_123710_result
photo_camera La conselleira, segunda por la izquierda, con el alcalde de Xinzo.

A reforma, respaldada pola Consellería de Infraestruturas, conta cunha inversión de 460.000 euros

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, presentou o proxecto de renovación dunha das principais vías de acceso á vila de Xinzo, a avenida de Celanova. 

A licitación desta obra, "reivindindicada polo Concello dende hai moitos anos", segundo destacou Antonio Pérez, ven de ser publicada no Diario Oficial de Galicia. Agárdase que a reforma poida comezar a principios deste verán e contará cun investimento de 460.000 euros. 

Abordarase un treito de 350 metros da estrada OU-531 con dirección Cortegada. O obxectivo fundamental do proxecto é, segundo sinalou a responsable de infraestruturas da Xunta, "mellorar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade e proporcionar unha maior comodidade nos desprazamentos a pé dos veciños que transitan por esta travesía". Vázquez sinalou que se trata dunha actuación "ambiciosa" e "prioritaria para o Concello de Xinzo de Limia". 

As actuacións centraranse na ampliación da calzada e na reurbanización da travesía dende o seu inicio, na glorieta coa N-525, ata a intersección coas rúas Sitibal e a pista do Zepetal. Con estes traballos, a Xunta pretende dar solución ás deficiencias detectadas neste punto e evitar situacións de risco xeradas pola pouca amplitude da estrada, unha drenaxe insuficiente e pola pouca iluminación existente.

Construiranse beirarrúas pola marxe dereita e ampliaranse as da marxe esquerda á altura dos pasos de peóns. Habilitaranse, tamén, zonas de aparcamento na marxe dereita. Mellorarase a drenaxe para evitar a acumulación de auga, modificando o peralte e instalando un colector de sumidoiros e renovarase a rede de saneamento, abastecemento e o alumeado. Por outra banda, procederase ao axardinado da franxa que separa a estrada da da vía de servizo, ademais da colocación de novo mobiliario urbano. 

Antonio Pérez calificou esta obra como "necesaria para a seguridade dos veciños de Xinzo" e agradeceu o compromiso da Xunta "o apoio feito á vila con esta actuación". 

Suprimiranse árbores porque restan visibilidade

Marcos Buide, xefe do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Ourense, explicou que a reforma da avenida de Celanova é unha "actuación completa" que responde a "un problema de seguridade vial". 

Concretamente, nesta actuación vaise a abordar a "reorganización dos accesos á glorieta para que sexan máis seguros" e, ademais, a "reordenación dos aparcamentos". Na marxe dereita da vía o estacionamento farase en diagonal e, na esquerda, en línea.
Buide engadiu, por outra banda, que as características desta estrada fan que "a auga se estanque" con moita frecuencia en épocas de precipitacións abundantes, polo que se vai a renovar a rede de pluviais. 

Un dos problemas que existen na actualidade é que as árbores da vía "restan visibilidade aos conductores" polo que, segundo adiantou Buide, "está prevista a súa substitución por outro tipo de vexetación". 

A conselleira de Infraestruturas lembrou, con motivo desta presentación, que no mes de outubro finalizaronse melloras en varias estradas da provincia que tamén beneficiaron a Xinzo e que supuxeron un investimento superior aos 100.000 euros neste municipio. O obxectivo por parte do executivo autonómico é "unha mellora das estradas a prol dos desprazamentos seguros e cómodos para os veciños". 

Te puede interesar