PROVINCIA

O Banco de Terras cederá 205 parcelas a 15 municipios ourensanos

<p></p>
photo_camera Miguel Pérez Dubois acompañado de Marisol Díaz.

Medio Rural avanzou onte no proceso de cesión dos predios ás comarcas de Celanova e A Limia

Representantes de 15 Concellos ourensáns, na súa maioría procedentes da comarca da Limia, participaron onte nunha xuntanza co director xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, que tivo como finalidade expoñer o proceso de traspaso de fincas do Banco de Terras sen utilidade agraria a estes municipios.

Nesta reunión, na que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, expuxéronse de maneira pormenorizada e a través de fichas individuais, as parcelas que pasarán a ser de titularidade municipal. Concretamente, o proceso de cesión na provincia de Ourense afecta a 205 parcelas dos concellos de Baltar, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Cartelle, Celanova, A Merca, Porqueira, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Tal e como explicaron dende a Consellería de Medio rural, os rexedores e representantes municipais terán que examinar nestes días toda a documentación pertinente para poder presentar as suxerencias que sexan precisas.

A Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga) permite que este tipo de terreos, sen utilidade agraria, pasen a ser directamente dos concellos dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata a actualidade, tal e como sinalan dende Medio Rural.

Este proceso afecta ás catro provincias galegas. No caso de A Coruña, o Banco de Terras dispón de 383 parcelas susceptibles de ser, en realidade, de titularidade municipal. No que atinxe á provincia de Lugo, hai 254 predios que poderán ser traspasados a sete concellos de distintas comarcas e, no que ten que ver con Pontevedra, está previsto ceder en torno a 299 predios de seis concellos das comarcas de Deza e de Tabeirós. 

Te puede interesar