NATURALEZA

Barreiras naturais contra a erosión en San Mamede

Amigos da Terra traballa para reter as cinzas nos montes afectados polo lume

As barreiras elabóranse con estacas e vexetación, deste xeito tamén se limpa o entorno de maleza.
As barreiras elabóranse con estacas e vexetación, deste xeito tamén se limpa o entorno de maleza.
Barreiras naturais contra a erosión en San Mamede

A asociación ecoloxista, Amigos da Terra, continúa promovendo obradoiros de restauración e recuperación de zonas incendiadas. As tarefas estanse centrando durante estas semanas na Serra de San Mamede onde participaron, na última actividade de creación de barreiras naturais contra a contaminación de ríos por erosión, preto de 40 voluntarios de toda a provincia. "O prioritario hoxe en día é tratar de facer estas barreiras con vexetais, para evitar que a cinsa chegue aos cauces fluviais", explica Xosé Santos, de Amigos da Terra. "Os incendios producíronse con moita temperatura e hai uns arrastres tremendos", engade. O obxectivo é minimizar os danos á fauna piscícola. "No caso do río Arnoia, ou do Navea, que nace na Serra de San Mamede, hai moitísima riqueza troiteira", di o ecoloxista.

"A erosión nestes espazos é un mal que se prolonga no tempo , pois as cinsas que se chegan ao río colmatan as zonas onde as troitas poñen os ovos", engade. Xosé Santos asegura que estes traballos "hai que facelos xa", posto que cando empece a chover máis, será moito máis difícil controlar este risco por erosión.

Nesta última xornada ecoloxista tamén se explicou o funcionamento dun dispositivo reforestador, o Nendo Dango, inventado por un naturalista chamado Fuku Oka. "Cando fagamos a reforestación empregaremos, entre outros, este sistema", sinala Santos. "Faise unha especie de croqueta coas sementes e arcilla, déixanse secar entre 24 e 48 horas e hai que tiralas o maios lonxe posible, para evitar pisar a terra", sinala.