POLÍTICA LOCAL

O BNG de Xinzo presenta alternativas para o vial de Celanova

O grupo da oposición propón varias modificacións ao proxecto que foi presentado o pasado xoves

Case unha semana despois da firma do convenio de 2,1 millóns de euros para a remodelación da avenida de Celanova, o acondicionamento da futura circunvalación de Xinzo e o arranxo das beirarrúas da avenida de Madrid, o BNG local -que encabeza Ramiro Rodríguez- vén de rexistrar unha proposta alternativa para as obras que comezarán nestes viais, previsiblemente, a comezos do 2019. 

O grupo presentou, logo de analizar "en profundidade" o proxecto reformulado, unha serie de modificacións puntuais que permitirían, segundo os nacionalistas, "obter un resultado máis acorde cos obxectivos perseguidos de humanización e incremento da seguridade viaria nesta rúa e en beneficio de todos os veciños  de Xinzo". 

Por unha banda propoñen a eliminación do carril de entrada como opción de acceso para todos os vehículos que circulen na dirección Vilar de Santos-Xinzo. Consideran que o mantemento de ambos sentidos resulta "innecesario" e que "agrava significativamente as condicións de falta de seguridade viaria e saúde ambiental xa existentes". Puntualizan que a circulación en dirección ao centro da vila pode realizarse "con total efectividade" accedendo á avenida de Ourense pola rúa Zepetal. "Desperdíciase unha facilísima oportunidade de humanización da vía, sen perder funcionalidade no tráfico nin restar accesibilidade aos servizos", opinan dende o grupo da oposición. "Cómpre non esquecer que fora, precisamente, o argumento da seguranza viaria, o utilizado no seu día polo Goberno Municipal para pretender coarlle á veciñanza unha reforma da vía que pasaba pola total eliminación das árbores centenarias", engaden. 

Por outra parte, os nacionalistas sinalan que a ubicación do paso de peóns "non semella a máis acaída en materia de seguridade" polo que reclaman o seu mantemento na actual, xa que permite unha visibilidade "moi superior" para vehículos, viandantes e ciclistas. 

Por último, o BNG local considera "sinxelo", ademais de "imprescindible", que se supriman todos os restantes obstáculos á visibilidade do tráfico na vía, como son as actuais plantas existentes entre as árbores e que resultan ser dunha especie invasora que hoxe en día esta, aseguran, "considerada como unha praga".

Te puede interesar