EDUCACIÓN

Campaña para promover o consumo de patacas galegas entre os escolares

"O máis importante é transmitirlles aos cativos un sentimento de orgullo polo producto galego"

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, con sede en Xinzo de Limia, está a realizar visitas a distintos centros escolares de Ourense co obxectivo de inculcar aos máis cativos valores de consumo responsable e aprecio polo producto local. O vindeiro 3 de maio, o colexio Rosalía de Castro de Xinzo, acollerá a visita dun dos técnicos da Indicación.
 

"Explicámoslles aos nenos a orixe do tubérculo, a bioloxía da planta e o proceso productivo da pataca", explica José Chao, responsable das visitas. "Facémolo en colaboración cos centros escolares de distintas comarcas ourensás. Falámoslles aos alumnos do obxectivo da nosa actividade na Indicación, do que é unha marca de calidade pero, o máis importante que intentamos facer, é transmitirlles un sentimento de orgullo polo producto galego ", engade José Chao.

A actividade está enmarcada dentro programa de promoción e difusión da pataca de Galicia. O vindeiro día 24 de abril, técnicos e representantes do Consello Regulador visitarán o Salón Gourmet que se celebrará no Instituto Ferial de Madrid. O obxectivo será dar a coñecer o seu traballo mediante diferentes actividades que inclúen unha degustación de pataca. Como novidade neste salón, a Indicación Xeográfica presentará un bombón de chocolate feito con pataca en colaboración co cociñeiro Martín Álvarez.

Te puede interesar