agro

Cata no Consello Regulador en busca da pataca máis deliciosa

Cata Patatas_result
photo_camera Os profesionais do sector na cata que tivo lugar no Centro Agrogandeiro de Xinzo.

Cata no Consello Regulador da Limia en busca da pataca máis deliciosa

 O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia en colaboración co  Centro Agrogandeiro de Xinzo, organizou unha Xornada de Cata de Variedades Autóctonas na que participaron técnicos da Consellería de Medio Rural, agricultores e técnicos de plantas envasadoras da comarca de A Limia e profesionais do propio Consello Regulador. 

A actividade, que tivo lugar na sede do Centro Agrogandeiro de Xinzo, estivo enmarcada dentro do Proxecto de avaliación e caracterización tecnolóxica e morfolóxica de variedades autóctonas, financiado pola Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo principal "determinar qué variedades de pataca serían aptas para ser amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida", tal e como sinalou Luis Saa, director técnico da IXP. Servando Álvarez, director do Centro Agrogandeiro de Xinzo, engadiu que o que se procura é "diversificar a producción e evitar a perda de recursos xenéticos, os das variedades autóctonas", ao mesmo tempo que se fai "unha análise da viabilidade no mercado destas clases de tubérculos". 

Os profesionais participantes analizaron, non soamente as propiedades das patacas autóctonas Fina, Cazona e Ganade, senon tamén os aspectos das variedades Kennebec (Estadounidense), Agria (Holandesa), Melody e Daifla (Francesas). A proba dividiuse en catro fases. Durante a primeira, os especialistas estudaron o aspecto externo e interno de todas as variedades. Neste punto Servando Álvarez, sinalou a importancia de que as patacas sexan "homoxéneas" e de que o calibre sexa "o mesmo" pero lembrou, que o aspecto externo non é a característica máis importante para que unha pataca teña bo sabor. Na segunda etapa analizáronse cuestións como a cor e o gusto das patacas en frito, tanto en "chip" como en "barriña". A pataca cocida e aspectos como a súa desintegración, a consistencia, a estructura ou o sabor, ocuparon a última parte da cata, antes da valoración final. 

Ao remate da xornada, o director do Centro Agrogandeiro salientou as propiedades da variedade Fina. "Ten un sabor excepcional en cocción e unhas cualidades organolépticas moi boas", explicou Álvarez. "A Agria e similar a Kennebec, óptima para frito.

A IXP comercializa seis millóns de quilos

Cada ano prodúcense na comarca de A Limia unha media de 100 millóns de quilos de pataca. Dentro desta cifra, 30 millóns de quilos corresponden á variedade Kennebec, a clase amparada pola Indicación Xeográfica Protexida. Tal e como explicou o director técnico da IXP, Luis Saa, "dos 30 millóns de quilos de patacas, oito pasan polo Consello Regulador e , tras facer as comprobacións pertinentes, son entre 5 e 6 millóns de quilos os que se comercializan como variedade amparada". Por outra banda, a IXP conta, na actualidade, con 64 socios productores e 9 almacenistas de toda Galicia. Dos 73 profesionais, case o 95 por cento están ubicados na Limia, onde realizan a súa actividade preto de 300 agricultores sen estar asociados á Indicación. 

O Consello Regulador Pataca de Galicia colabora de xeito activo co Centro Agrogandeiro de Xinzo, que é o encargado de asesorar aos productores de pataca da comarca. O seu director, Servando Álvarez, sinalou na xornada, que este ano se incrementou a superficie plantada "nun 20 por cento" con respecto ao ano anterior, en total sementáronse 3.500 hectáreas. "Se as condicións climatolóxicas acompañan agardamos unha boa colleita", explica Sevando. "É bo que chova un pouco máis do que o está a facer se non teremos problemas de sequía". 

Te puede interesar