cultura

O CDR O Viso celebrará unha nova xornada intercultural

Haberá un taller de pintura de henna, de música sen fronteiras e unha degustación gastronómica

Na liña das iniciativas promovidas dende o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso, de Lodoselo, que teñen como obxectivo integrar cultural e socialmente aos veciños migrantes da comarca da Limia, a asociación desenvolverá a súa terceira Xornada Intercultural na Casa da Cultura de Xinzo. 

A actividade, que se enmarcará dentro do programa Intégrate, celebrarase o vindeiro sábado, día 5 de maio, en horario de 18,00 horas a 20,00 horas. Está previsto que teña lugar unha mesa redonda de experiencias baixo o nome "Barreiras para a integración sociolaboral de determinadas persoas migrantes ou minorías étnicas". Tamén haberá un obradoiro de pintura de "henna", outro de música sen fronteiras e unha degustación gastronómica de pratos de distintos países.

Por outra banda, dende o Centro de Desenvolvemento Rural informan de que O Pobo Escola, iniciativa que pasa por realizar actividades encamiñadas a recuperar a acción educativa e o patrimonio cultural e social do rural, poñerase en marcha durante os meses de maio e xuño e, para entón, xa están reservadas numerosas prazas por parte de grupos escolares de toda Galicia que estarán nas instalacións da entidade en Sarreaus varios días.

Te puede interesar