NATUREZA

Un cento de especies arbóreas humanizarán as rúas de Xinzo

<p></p>
photo_camera O alcalde de Xinzo, Manuel Casas (dereita) visitou os traballos dos operarios na avenida de Celanova.

Técnicos da Deputación realizan nestes días a poda dos plátanos centenarios da avenida de Celanova 

Traballadores da Brigada Municipal do Concello de Xinzo veñen de iniciar un plan de reposición de árbores, arbustos e plantas en distintos parques, xardíns e zonas verdes da localidade. Tal e como explicou o encargado do departamento, Julio Cabrera, nos últimos meses desapareceron -por roubos, ou por condicións medioambientais adversas- numerosas especies vexetais de parques e rúas centrais do municipio limiao. Neste senso, repoñeranse árbores e plantas nos parques de O Toural, A Telleira e o Pombal; así como nas rúas Marcelo Macías, Curros Enríquez, Ferro Couselo e A Roda; nas prazas Juan XXIII, Cruceiro e Bispo Idacio; e na avenida de Ourense.

A Alameda do Toural será un dos puntos centrais desta actuación xa que se ubicarán 14 tilos, dous cereixos e 20 plantas aromáticas. "Fixemos unhas xestións coa Deputación e un estudo previo dos emprazamentos máis adecuados para situar estas plantas", explicou Manuel Cabas, tenente de alcalde de Xinzo e edil de Medio Ambiente. "Houbo moitas árbores que se secaron e outras plantas que foron roubadas. Por exemplo, na praza Xoan XIII perdemos tres chopos nas últimas semanas", engadiu.


Día da árbore


Alumnos do Colexio Carlos Casares de Xinzo serán os protagonistas este mércores, día 25 de abril, ás 10,30 horas, no Día da Árbore. Os cativos serán os encargados de plantar preto de 40 árbores en colaboración con representantes do Concello e traballadores municipais.

A actividade levarase a cabo na Alameda de O Toural e completará a actuación iniciada pola propia administración local para repoboar os distintos espazos da vila con arbustos, árbores e plantas.

O edil de Medio Ambiente asegurou que nos vindeiros meses tamén se arranxarán as medianas da da principal vía de acceso a Xinzo, a avenida de Ourense.


Remata o prazo para presentar o plan


Técnicos da Deputación realizan estes días labores de poda dos plátanos ubicados en tramo urbano da avenida de Celanova de Xinzo. Trátase dunha actuación de mantemento "un tanto agresiva", tal e como explicou un dos operarios que participa nela, pero "soportable"para estas árbores centenarias debido á súa natureza. O obxectivo é, ademais, manter a súa forma, e adoitanse realizar, polo menos, unha vez cada dous anos. Con respecto ao inicio das obras de reforma na avenida de Celanova, o rexedor local de Xinzo, Manuel López Casas, asegurou que mañá mércores 25 de abril rematará o prazo establecido para que o equipo redactor entregue o proxecto de reforma na Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Posteriormente terá que ser revisado no Concello de Xinzo. O plan para o vial modificouse para manter con vida ás árbores centenarias.

Te puede interesar