OBRAS

Comezan as obras nas rúas Santa Mariña e O Peto, en Xinzo

Consistirán na renovación do sistema de saneamento e na reposición do pavimento nos viais

As obras da rúa Santa Mariña.
As obras da rúa Santa Mariña.
Comezan as obras nas rúas Santa Mariña e O Peto, en Xinzo

A Concellería de Obras de Xinzo vén de iniciar as obras de saneamento e reposición do pavimento nas rúas Santa Mariña e, nun breve espazo de tempo, comezarán as da rúa do Peto. A actuación forma parte dun programa especial de reformas que se está levando a cabo na zona do casco vello limiao e que se iniciou coa renovación da rúa da Igrexa.

Unha vez rematadas as catas arqueolóxicas previas, a rúa Santa Mariña e a do Peto -en moi mal estado- verán mellorada a súa apariencia grazas ao financiamento da Deputación ourensá. As obras incluirán a renovación da rede de saneamento, xa que no caso da rúa do Peto atopábase moi obsoleto e ocasionaba problemas ao coincidir co de Santa Mariña, moito máis recente. Ademais, o sistema antigo estaba enfocado a unha depuradora que se renovou recentemente e que cambiou de ubicación, polo que as novas tuberías deberán ter outra dirección.

Grazas a estas actuacións solventaranse algúns problemas como as inundacións frecuentes nos entornos de Marcelo Macías e Formigueiro.