ENTROIDO XINZO

A comisión do Entroido pide desculpas polo erro do desfile

<p></p>
photo_camera O desfile do Entroido de Xinzo estivo encabezado polos membros da Asociación A Pantalla.

Recoñecen "inxustizas" coas persoas que non eran da Asociación A Pantalla pero levaban ben o traxe

A comisión encargada de preparar e dirixir todos os actos vencellados coa festividade do Entroido en Xinzo vén de emitir un comunicado no que asume "erros" nalgúns aspectos esenciais da festa. Neste senso, un dos puntos que xerou máis polémica na capital da Limia foi a decisión da organización de relegar ás Pantallas que non eran parte da Asociación que leva o nome da máscara tradicional do Entroido de Xinzo á cola do desfile do martes 13.

Este feito provocou fortes críticas o día do evento por parte de pais e nais que preferiron manter o anonimato, pero que se queixaron de que, aínda que os seus fillos fosen correctamente vestidos, non puideron desfilar na cabeceira da comitiva, ocupada polos membros da Asociación A Pantalla. Dende a comisión apuntan que o motivo de colocar a este grupo en primeiro termo respondeu a unha decisión "consensuada" para "salvagardar, dignificar e promover un bo uso do noso traxe". Engaden que o seu obxectivo non foi o de "incorrer en discriminacións ou tratos de favor con ningún colectivo", pero si de "asegurarse de que o desfile fose impecable en todos os aspectos".

A organización ofreceu "desculpas" e asumiu "certas inxustizas" para coas persoas que, non sendo da Asociación A Pantalla, "visten e levan ben o traxe do Entroido". O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, non quixo facer declaracións sobre esta polémica.

A organización non viu a “falta de civismo" que si apreciou o Concello

No seu comunicado, a comisión do Entroido de Xinzo congratulouse de "mellorar o Entroido en case todos os aspectos, tanto no eido tradicional, cuns domingos previos cheos de vida e participación cidadá, cunha cualidade musical destacable, con máis de vinte colectivos tocando polas nosas rúas, e cunha hixiene impecable, onde se apreciou o civismo da nosa xente". Precisamente neste último punto, a comisión non coincide co manifestado dende o Concello de Xinzo a través do seu responsable de Cultura, Carlos Gómez, quen, facendo balance desta edición, apelou ao civismo para os vindeiros anos. "Detectamos algunhas faltas de respeto e educación" á hora de empregar os servizos públicos e os contenedores.

Si coincidiron á hora de falar de recadacións e participación cidadá. "Sen lugar a dúbida un Entroido que entusiasmou a moita xente da nosa vila e a nós mesmos a pesar das dificultades", dixeron.

Te puede interesar