ACTO

Un congreso analizará en Vilar de Santos a desecación da lagoa

<p></p>

O acto, organizado polo Museo da Limia, supoñerá o peche da conmemoración do inicio dos traballos

Representantes de varios sectores e institucións da comarca limiá, entre elas, o Centro Agrogandeiro de Xinzo, a Asociación de Productores de Pataca e empresas vencelladas á agricultura ou á producción ecolóxica da zona, reuniranse no último acto organizado polo Padroado do Museo da Limia para conmemorar o inicio, hai 60 anos, dos traballos de desecación da Lagoa de Antela. Baixo o título "IV Conversas na Taberna", os poñentes falarán e debatirán dende as 17,00 horas deste sábado na mostra de Vilar de Santos, de dous aspectos fundamentais: o presente e o futuro da agrogandeiría e a biodiversidade na Limia e experiencias de aproveitamento sostible na comarca.

Na primeira franxa participarán Serafín González, investigador do CSIC; Servando Álvarez, do Inorde; José Manuel Nieto, socio dunha empresa de cebolas en Vilar de Santos e Amador Díaz, presidente da Asociación de Productores de Pataca da Limia. Na segunda estarán presentes Eva González, socia de Carabuñas; Roberto Nieto, productor de millo; Samuel Formoso e Ivan Gil, titulares de explotacións de gandeiría extensiva en Gomareite e Covelas, e María Ferreiro, responsable dunha explotación de vimbio en Pidre. O moderador da xornada, que arrancará da man de Delfín Caseiro e rematará co rexedor de Vilar de Santos e presidente de honra do Padroado, Xan Jardón, será André Taboada.


O "desengano" da desecación


O 8 de setembro de 1958 comezaron as obras da desecación da Lagoa en aplicación dunha lei coa que o franquismo "sancionaba", segundo sinalaron dende Vilar de Santos, "a desaparición do segundo espazo lacustre máis importante da península". Apuntan a que a Lagoa, malia a súa impoñente figura, "axudaba mesmo a regular a climatoloxía comarcal, pero pouco lles importou aos deseñadores do proceso, completado daquela coa promesa dun aproveitamento funcional que nunca tal foi". Deste "desengano" foron testemuñas moitas voces recollidas, anos despois, por Xosé Luis Martínez Carneiro, coordinador de "Antela, a memoria asolagada".

Dende o Padroado do Museo da Limia veñen realizando, dende abril deste ano, varios eventos para conmemorar aquel feito, como un debate que xirou entorno á pataca da Limia ou unha exposición homónima. O de este sábado será o peche da rememoración.

Te puede interesar