SEGURIDADE VIAL

Cruz Vermella informou de bos hábitos ao volante

A organización recomendou descansar cada dúas horas e respectar a distancia de seguridade

A Cruz Vermella de Xinzo de Limia vén de organizar durante esta semana, unha campaña de prevención de accidentes de tráfico na vila. Baixo o nome de "na estrada quérete moito", gran parte do voluntariado da organización estivo informando aos condutores do concello de como proceder para evitar posibles accidentes.

A xornada do mércores foi moi intensa nas estradas por mor da operación retorno. Rematou agosto e tamén as vacacións de moitas persoas que voltaron ao seu fogar. É por iso que a organización decidiu levar a cabo esta xornada.

A actividade levouse a cabo na estación de servizo Antela, punto de entrada e saída de vehículos cara a A-52. Os voluntarios recomendaron descansar cada dúas horas ou cada 200 quilómetros percorridos, así como manter sempre a distancia de seguridade.

Dende a Cruz Vermella destacan que oito de cada 10 accidentes poderían terse evitado se os condutores respectaran as normas de tráfico e modificaran a súa actitude ao volante.

Te puede interesar