Ecoloxistas saen en defensa do investigado polo lume en Os Blancos

Os defensores do medioambiente califican o comportamento do vigués como "exemplar" e engaden que "neste caso todo parece indicar que estamos ante un episodio de lume non intencionado"

Varios grupos de defensa do medioambiente encabezados polo Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) amosaron a súa "preocupación" pola detención de Miguel Ángel Martínez, o vigués investigado por queimar unha hectárea de monte no municipio de Os Blancos o día 15 de outubro. Os activistas sinalan que Miguel Ángel, en prisión provisional dende o pasado xoves, axudou , ao longo da súa vida, na loita contra a deteriorización da natureza levando a cabo diversas accións como a fundación, nos anos 90, do propio MEL, ou a colaboración con entidades como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). 

Os ecoloxistas aseguran "non saber o que aconteceu" pero non acreditan "que Miguel sexa un delincuente e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade". Neste senso explican que, unha vez apagado o lume (tarefa na que, sinalan, o detido estivo presente) dirixiuse ao cuartel da Garda Civil para comunicar o que acontecera e deixar, voluntariamente, os seus datos persoais e de residencia. En Vigo foi de novo recluído "precisando posteriormente de atención hospitalaria". 

Os defensores do medioambiente califican o comportamento do vigués como "exemplar" e engaden que "neste caso todo parece indicar que estamos ante un episodio de lume non intencionado". Agardan, do mesmo xeito, "que a xustiza non convirta a Miguel Ángel nun chivo expiatorio que criminalice ao movemento ecoloxista e exima das súas responsabilidades a quen ten competencias sobre as políticas forestais e xestión do territorio". 

Te puede interesar