MEDIO AMBIENTE

Os ecoloxistas únense contra a tala de árbores

Califican os obras da avenida de Celanova de "atentado medioambiental"

Varias asociacións de defensa do medioambiente "sumarán forzas" co obxectivo de paralizar a tala de árbores que, previsiblemente, se acometerá dentro das obras de reforma da avenida de Celanova de Xinzo, feito que califican como un "atentado medioambiental". Este proxecto foi presentado a pasada semana da man da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, e contempla un investimento de 480.000 euros para a renovación dunha das principais vías de acceso á vila.

A reforma prevé "a substitución" das especies arbóreas que se conservan nas marxes desta estrada (que contan, segundo fontes da Sociedade Galega de Historia Naural e algúns veciños da comarca, con máis de 100 anos de vida) , por outras "máis pequenas", que permitan unha maior visibilidade no tránsito na zona, segundo sinalou na presentación do proxecto un dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. E é que unha das queixas dalgúns veciños da zona é que "as árbores restan visibilidade e impiden maniobrar cos coches de xeito seguro". 

Esta posible reforma está provocando moito malestar entre distintas asociacións ecoloxistas galegas, veciños da vila e tamén dos grupos da oposición do Concello de Xinzo.

Esta semana serán as distintas asociacións de defensa do medio natural as que se sumen á defensa das 56 árbores que poboan a estrada de Celanova. Está previsto que se celebre nos vindeiros días "unha xuntanza urxente e de carácter aberto" convocada por socios de Amigos da Terra e doutras asociacións ecoloxistas como a plataforma Ríos Limpos. "O obxectivo é protexer as árbores", explica Xosé Santos de Amigos da Terra. "A de Celanova é a única vía que queda en todo Xinzo que conta con estas especies de alto valor medioambiental". 

Este axente forestal explica que tratarán de recabar información sobre o proxecto e, no caso de que sexa necesario, pedir a paralización da tala. "A Limia pasou de ser un dos ecosistemas de máis valor da península a estar prácticamente deforestado", explica Santos. "Evidentemente que a seguridade ten que ser prioritaria pero pensamos que se pode compatibilizar coa protección ás árbores". 

A convocatoria pretende chegar a "todos os colectivos, veciños e partidos políticos de Xinzo co fin de buscar unha solución". 

Colectivos para a defensa das árbores

O grupo socialista de Xinzo foi o primeiro en rexistrar un escrito no Consistorio solicitando coñecer o proxecto de reforma do vial e calificando previsible tala das árbores como "un ataque ao medio natural". Na mesma liña, a Sociedade Galega de Historia Natural remitiu un escrito á Consellería de Infraestruturas e ao Concello co fin de evitar a supresión dos arbustos. O seu presidente, Serafín González, manifestou que son "árbores centenarias, que se deben conservar". 

As asociacións de defensa do medio natural son as últimas en sumarse a estas reivindicacións. Xan Carlos Fernández de ADEGA, lamentou "a falta de sensibilidade das institucións" e asegura que farán un escrito "para reforzar as peticións de paralización desta tala na avenida de Celanova". 

Te puede interesar