REPORTAXE

Unha escola chea de experiencias

img_20170216_130406_result
photo_camera Dous dos cativos da escola infantil de Vilar de Santos na pequena horta que hai no centro.

A escola infantil de Vilar de Santos ten, na actualidade, a oito cativos de toda a comarca da Limia. As responsables do centro apostan por que os nenos sexan os protagonistas da súa aprendizaxe

A escola infantil de Vilar de Santos é un espazo onde os cativos aprenden mediante o descubrimento e a investigación. Nun entorno rural, os nenos e as nenas deste centro que iniciou a súa andadura no ano 2013, son os protagonistas dun proceso de ensino levado a cabo por unha directora e unha mestra de apoio, e que prosegue nas casas dos pequenos coa labor dos seus pais. "Pedímos lle moita colaboración aos proxenitores por que queremos que o que os nenos aprenden aquí, teña continuidade na casa", explica a directora do centro. "Somos como unha familia moi grande e temos un contacto diario cos pais", engade.

Sobre a metodoloxía do centro, a responsable sinala que o uso do sistema de fichas na escola é anecdótico. "Traballamos a partir das experiencias", explica a directora da escola. "Partimos do entorno máis próximo ao máis lonxano deixando que os nenos sexan os protagonistas das súas aprendizaxes", engade. "Por exemplo, se queremos que coñezan o outono, levamos aos nenos a recoller follas. É unha vivencia en primeira persoa". 
Unha subvención de case 9.000 euros outorgada ao centro por parte da Consellería de Política Social, serviu para mellorar e equipar a escola nos últimos meses con novos xoguetes, elementos como pelotas ou columpios para fomentar a psicomotricidade dos cativos e unha táblet, un portátil e un canón para introducilos nas novas tecnoloxías. 

Coa partida, o centro adquiriu tamén un forno co que os nenos participan en obradoiros de cociña. "Eles mesmos manipulan os ingredientes", conta a directora. "Coa nosa axuda teñen feito pizzas, biscoitos de turrón no Nadal, e agora queremos facer doces de Entroido". O orzamento permitiutamén mercar moitos libros novos e, ademáis, aproveitouse para pintar as vallas exteriores e mellorar o axardinamento da escola. "Os nenos e as nenas realizan moitas actividades ao aire libre", sinala a directora. "Temos unha pequena horta para cultivar ". 
As responsables da escola infantil de Vilar de Santos procuran levar a cabo actividades compartidas cos maiores do centro de día municipal. A directora destaca que "é unha experiencia enriquecedora para as dúas partes", xa que "para os maiores é unha forma de saír da rutina e para os pequenos é positivo compartir momentos cos usuarios do centro de día". 

A escola infantil de Vilar de Santos ten unha capacidade de 20 prazas para nenos e nenas de entre cero e tres anos, aínda que se tenta non superar a barreira das 15, xa que o que se pretende é ter un trato moi individualizado. "Cada neno é un ser único, dende a escola buscamos o reforzo das súas necesidades", explica a directora. 

A partir do vindeiro mes iniciarase o prazo de preinscripción para obter plaza na escola de cara ao curso 2017/2018, para o presente aínda quedan prazas dispoñibles. 

Te puede interesar