A LIMIA

A Escola de Gaitas abre o prazo de matrícula ata o 7 de outubro

Para ser alumno do centro fai falla pagar a taxa, ser maior de idade e cubrir o formulario

A Escola Municipal de Gaitas e Percusión do Concello de Xinzo de Limia abriu no día de onte o prazo de matrícula para este curso 2016/2017. Os requisitos para formar parte como alumno deste servizo municipal educativo son superar a idade mínima de oito anos así como o correspondente pago da taxa de matrícula. Os interesados teñen de prazo até o vindeiro 7 de outubro e deberán encher os impresos de matrícula que se atopan a disposición dos cidadáns nas oficinas da Casa consistorial e na propia Escola.

O centro educativo comezou a súa andaina a mediados dos anos 80 do pasado século. Dende entón, milleiros de alumnos pasaron polas súas aulas recibindo formación musical. Froito do maxisterio impartido, xurdiron como expoñentes artísticos, a Banda de Gaitas Xinzo de Limia, unha das máis prestixiosas e recoñecidas agrupacións galegas no seu xénero, seguida das Bandas de Gaitas Xinzo de Limia B e C, formadas polos alumnos máis mozos, o Grupo de Instrumentos Tradicionais e Populares, as Pandereteiras da Limia e moitas outras agrupacións musicais. Estes grupos acadaron, nos últimos anos, diversos premios e mencións en certames musicais.

Na actualidade, a Escola conta cun promedio de 180 alumnos matriculados anualmente, mozos e adultos, que asisten ás clases impartidas en horarios de tarde–noite tutelados por un profesorado especializado.

Te puede interesar