FORMACIÓN - MÚSICA

A Escola de Gaitas iniciará un curso con nenos de 4 e 5 anos

"Se o proxecto resulta ben, o vindeiro ano ofertarémolo na matrícula da escola", sinalan

A Escola Municipal de Gaitas e Percusión do Concello de Xinzo de Limia levará a cabo, a partir do vindeiro mes de abril, un proxecto de carácter experimental no que participarán nenos e nenas de entre catro e cinco anos. "É algo moi novidoso por que a entrada dos nenos nos conservatorios e na nosa propia escola faise cando teñen oito anos de idade", explica Fernando Dopico, director da escola. 

Trátase dun programa "específico" no que os mestres do centro estiveron traballando durante os últimos meses e que pretende que os máis cativos se acheguen ao mundo da música a través de fórmulas artísticas e xogos baseados na percusión. "O obxectivo é aproveitar esa capacidade que temos cando somos pequenos pola que o primeiro que facemos é percutir, é dicir, buscamos os sonidos da nosa entorna, coas mans por exemplo", explica Dopico. 

O experimento xurdiu pola demanda dalgúns pais de nenos da comarca. "Daremos clases unha vez á semana, durante unha hora xa que, a esas idades, a capacidade dos pequenos para prestar atención non dura moito tempo", conta Fernando. "Se o proxecto resulta ben, o vindeiro ano ofertarémolo na matrícula da escola", engade.

Os cativos traballarán con melodías e estruturas sinxelas, dentro do espazo da música galega. "O obxectivo non é introducilos no mundo da gaita ou na percusión, se non aproveitar esas capacidades musicales innatas e achegalos ao mundo da música en xeral". 

A iniciativa conta, para o seu desenvolvemento, co apoio do Concello de Xinzo a través da Concellería de Cultura.

Te puede interesar