A LIMIA

Gómez Míguez: "Ninguén se acordou dos empresarios do Polígono en vinte anos"

José Manuel Gómez Míguez, presidente dos Empresarios do Polígono (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera José Manuel Gómez Míguez, presidente dos Empresarios do Polígono (XESÚS FARIÑAS).

José Manuel Gómez é o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Xinzo

Ante o que parece ser un novo naufraxio dunha asociación de comerciantes da comarca, neste caso de Pro Limia, a agrupación de Empresarios do Polígono -fundada hai tres meses- semella ser a única esperanza para a unión do sector na contorna. Quizáis por este motivo, prefiren manterse como unha agrupación exclusiva do Parque Empresarial, para o que claman melloras urxentes en materia de infraestruturas e novas dotacións, así como a súa ampliación. 

Por que tomaron a decisión de agruparse como asociación?

Uns cantos empresarios estivemos falando e vimos que había cousas que non podiamos solicitar a nivel particular, era necesario facelo a través dunha asociación. Falo do arranxo dos viais, a sinalización, o aparcamento... e ademais que é bo tela para poder acceder a subvencións, por exemplo. A xente respondeu ben, seremos máis de 30 empresas. 

Que trataredes na vindeira reunión deste mes de marzo?

Falaremos do estado da asociación, así como dalgunhas peticións que lle fixemos chegar ao Concello. A sinalización é moi mala, as rúas non teñen nome, prácticamente non temos luz... esto vai á deriva. Tamén precisamos mellorar a limpeza. 

É necesario que se amplíe o polígono?

A primeira necesidade é manter ben o que xa temos, e sobre a ampliación, si. Hai demanda e empresarios agardando para instalarse aquí. Parece que está aprobada e a ver canto tardan, din que para o 2021 estará rematada. 

Se Pro Limia acaba por desaparecer, contemplarían a posibilidade de ampliar a asociación á zona do centro?

Eso foi un tema que se falou na reunión constitutiva. Tomamos a decisión de que soamente estiveran os empresarios ubicados no polígono. Houbo xente que comentou que ninguén se acordou de nós ata o de agora e levamos aquí vinte anos. Nunca nos invitaron a nada. Tampouco dende o Concello se acordaron. De todos xeitos non entendo por que deixan cair esa asociación. 

Que é necesario para manter unha asociación en pé?

O que hai que ter é ganas de traballar e facelo limpamente. Nós estaremos aquí ata que os socios queiran. No mundo empresarial deberíamos formarnos máis e apoiarnos entre nós. Eso é o máis importante.

Te puede interesar