RECOÑECEMENTO

A homenaxe a Casares incluirá unha concentración de Harleys

cASA cULTURA xINZO_result
photo_camera Praza Carlos Casares en Xinzo onde está a Casa da Cultura, lugar que acollerá gran parte destes actos.

Incorporouse ao programa do Día das Letras porque o escritor era un apaixoado desta motocicleta

O programa oficial dos actos que terán lugar en Xinzo con motivo do Día das Letras Galegas serán presentados este sábado, ás 10,00 horas, na Casa da Cultura da vila. O edil de Festexos, Deporte, Cultura e Educación, Luis Miguel Gil, adiantou que será unha programación "variada" e "extensa" e que invitará á participación de toda a cidadanía limiá. Despois de manter varias xuntanzas con responsables da Xunta de Galicia e con membros da Real Academia Galega, o Concello de Xinzo rematará estes días de perfilar a programación definitiva co obxectivo de dala a coñecer durante esta fin de semana. 

Unha das actividades que se levarán a cabo será unha concentración moteira de Harley Davidson, xa que Carlos Casares era un gran apaixoado desta mítica motocicleta. Completarán a programación especial para este mes outros eventos como concertos, obradoiros, concursos literarios, roteiros, obras de teatro, presentacións de libros e faladoiros. Neste sentido Luis Miguel Gil sinalou que "estamos traballando para que Casares teña a homenaxe que merece", engadiu que o día 17 será "unha festa en Xinzo". A vila acollerá os actos institucionesis e académicos e paralelamente, un amplo programa de actividades no que o consistorio pretende que participen persoas de todos os eidos da cultura limiá e todos os veciños. Gil quixo agradecer a implicación da Fundación Carlos Casares e do Comité de Expertos creado ao abeiro deste evento. 

Nestes momentos moitas desas actividades xa están en marcha, como os concursos literarios ou de deseño de portadas. Hoxe mesmo terá lugar un concerto didáctico organizado polo Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia na Casa da Cultura. Trátase dunha representación narrativa e musical na que se relatará un conto e, ao mesmo tempo, interpretaranse obras de diversos estilos musicais, que abarcarán dende o clásico ata o moderno. O primeiro pase será ás 11,00 horas e asistirán os alumnos dos colexios Carlos Casares e Rosalía de Castro de Xinzo e tamén os cativos procedentes dos centros de Sandiás, Rairiz de Veiga e Baltar. A segunda función será ás 20.00 horas e estará aberta ao público. 

Neste contexto, o venres terán lugar os actos de presentación das obras "Historias que estaban nun caixón", de Manoel Fontemoura, e "Lolo en bici e Carlos na moto", de Rafael Laso. 

Te puede interesar