ENTROIDO EN XINZO

Imaxinación e colorido no gran desfile polas rúas da capital limiá

As Pantallas foron protagonistas dunha comitiva que animou á participación durante o percorrido pola vila

Xinzo celebrou na tarde do martes o seu desfile de Entroido. Carrozas, comparsas e Pantallas percorreron case dous kilómetros dende a rúa Lodeira ata a rotonda da avenida de Celanova, animando e invitando á participación aos centenares de persoas que, a pesar do tempo inestable, ateigaron as principais rúas da vila. 

Segundo destacou o edil de Turismo, Carlos Gómez, "o desfile do martes de Entroido en Xinzo ten un carácter máis participativo que espectacular". Nesta liña o concelleiro destacou o "gran ambiente" de animación creado pola música das charangas e polos integrantes da comitiva que invitaban aos espectadores a participar da festa todo o tempo. "O desfile conserva unha ruralidade da que os limiaos non nos queremos desprender", engade Gómez.

Se o pasado luns era o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen participaba na festa do Entroido máis longo de Ourense, na tarde de onte a directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, tampouco quixo faltar á cita coa festividade máis aclamada de Xinzo. 

A vindeira cita co Entroido será hoxe, mércores, a partir das 20.00 horas co desfile e a queima da sardiña. A charanga XL poñerá a nota musical a este evento que contará co tradicional sermón. Non será ata o domingo de piñata, o vindeiro día 5 de marzo cando se poña punto e final a un mes de festa.

Te puede interesar