A LIMIA

José Francisco Santana, candidato do PP para Sandiás

O Partido Popular de Sandiás vén de confirmar a José Francisco Santana -nado na localidade en 1973- como candidato da formación ás eleccións municipais do mes de maio

Santana, concelleiro e tenente de alcalde do municipio dende o 2007, aspira a crear un goberno "que escoite as demandas de toda a veciñanza e que conte coas súas propostas, comparta ou non as nosas ideas, e cun equipo de traballo renovado no que estea representado todo o concello". Neste senso, o candidato está a deseñar un programa de intencións co que ofrecer aos seus veciños "obxectivos claros e ben definidos, xa que só con planificación pódense atender ás necesidades do concello e non con ocorrencias, que non é o xeito de traballar". 

Para Santana, a forma de traballar nestes últimos catro anos do actual goberno local non foi a máis axeitada, e calificouna de "improvisada, tirando de ideas que ían xurdindo e sen ter un proxecto predefinido". O candidato popular criticou o estado no que se atopan as pistas municipais, que "carecen de mantemento e de limpeza", así como as escasas actividades lúdicas coas que conta Sandiás. Tamén o feito de que o centro social "non funcione axeitadamente e que o ámbito turístico estea abandonado". 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, secundou ao aspirante á rexedor asegurando que "representa á perfección o que necesita Sandiás, que é recuperar o tempo perdido neste mandato e retomar o rumbo dun proxecto que mira aos concellos e á provincia". O mandatario provincial dixo que as locais de maio "son a mellor oportunidade para regresar á senda do progreso nun concello que sempre estivo gobernado polo PP ata este último mandato".

Te puede interesar