A LIMIA

Julio Gallego rescata a historia de Padroso

foto_cronica_antia_result
photo_camera Juan Gallego posa diante da súa aldea, Padroso, no concello de Sarreaus.

Despois de anos lendo e escoitando sobre a aldea na que viviu, Julio Gallego quere recoller nun libro a súa tradición oral e escrita. Afirma que "é unha pena que se perda a historia dun pobo tan pequeno".

Julio Gallego, veciño de Padroso, no concello limián de Sarreaus, está rexistrando a historia da aldea para rescatala edivulgala a través dun libro  . Trátase dun percorrido dende o ano 1191, data na que foi construída unha das casas máis vellas que aínda queda en pé hoxe en día en Padroso, como así indica o gravado que marca unha das pedras. Con este exercicio de investigación e memoria, Julio Gallego quere repasar os acontecementos máis relevantes que viviu esta aldea nos últimos séculos, xa que “é unha pena que se perda a historia tan rica  dun pobo tan pequeno”.

No seu día, Padroso gozaba dun poder que hoxe resulta sorprendente. Ata a década do 1920 a casa do Concello estaba situada nesta localidade. Para constatalo, Julio bota man dun testamento que data do ano 1870 e que sacou do Arquivo Provincial. Nel, o “Notario do Reino”, chamado Francisco Pazos, asinaba dende Padroso, e non dende Sarreaus, como sería de esperar. "Cando se crearon os concellos en Galicia, a nivel oficial "rezaba" Sarreaus, pero a Casa do Concello estaba instalada na localidade de Padroso". Julio Gallego explica que este feito "compróbase coas partidas de defunción e de nacemento, asinadas na aldea".

Ademais da sede municipal, na localidade tamén se atopaba o xulgado, o cura e máis o médico. Este último estivo en Padroso ata 1945.  O veciño asegura que "non era habitual a presenza de persoas con tanto poder social nas aldeas da contorna".

O Concello mudouse a Sarreaus arredor do 1920. Foi un alcalde chamado Odilo Airas o que trasladou a sede ao construír a súa casa na localidade de Sarreaus. Seguidamente do Concello, tamén se trasladou o xulgado. Pouco a pouco foron varios os colectivos que irían deixando  a aldea. A última desercción simbólica foi no ano 1977, cando se creou "o grupo escolar de Sarreaus e os alumnos deixaron de estudar en Padroso”.

Julio Gallego recolle este proceso de despoboación, pero tamén outros aspectos curiosos da aldea de Padroso, este é o caso do nome das rúas. Ademais de contar todas as vías con calzada, feito singular a principios do século XX, os seus nomes non eran moi habituais pola zona. Algunhas das rúas estaban rexistradas como "Plazuela del Príncipe", "Plazuela del recreo" ou"Calle del Príncipe". Cómpre sinalar que ningún destes nomes se conserva a día de hoxe. Outro dos acontecementos rexistrados foi a creación en 1948 dunha pista para comunicarse co resto da comarca. Sen axuda algunha da administración, foron os veciños os que se encargaron das obras. Julio conclúe que "foi un pobo moi unido que non quixo quedar illado".

Con este caderno de memoria xa case rematado, Gallego asegura que seguirá buscando documentos para así poder recoller o máis fielmente  posible a historia desta aldea. A día de hoxe, conta tan só 13 veciños habitando a localidade. É por esta drástica diminución da poboación rural pola que Julio se decidiu a recoller a historia de Padroso nun libro, xa que cre "necesario que os que veñan saiban da historia do pobo".

Te puede interesar