ENTROIDO 2017

O lume dos “fachucos" alumeou o paso do Meco polas rúas de Xinzo

Aforcamento do meco en Xinzo,entroido
11-2-17
photo_camera O Meco, preparado para facer o percorrido polas rúas do casco vello da vila.

Máscaras tradicionais e vestimenta de época marcaron unha xornada que hoxe terá continuidade co Domingo Oleiro

O Entroido de Xinzo deu onte un paso máis co colgamento do Meco. Unha figura emblemática feita con palla por un veciño da vila que, a diferenza do que ocorre noutros Entroidos, non se queima ao remate do ciclo, se non que se garda ata o ano seguinte. 

A colocación do Meco na praza Maior da vila é todo un ritual que se ven facendo dende hai máis de 20 anos. A asociación cultural A Pantalla recuperou e puxo en valor a cara máis tradicional desta festividade: unha comitiva composta por máscaras e figuras do Entroido que quedaran no esquecemento, e que son quen acompañan ao Meco dende a praza de Oriente ata a praza Maior. 

A marcha partiu ao redor das 19.00 horas. O home do corno foi o encargado de avisar do paso da comitiva, que tivo outro gran protagonista, o touro. 

Feito por uAforcamento do meco en Xinzo,entroido11-2-17n escultor de Xinzo hai 20 anos, o touro, guiado por varias persoas, realizou o percorrido embestindo aos alí presentes . 

Esta representación do Entroido máis enxebre contou coa presenza das corozas, uns corpos de palla que se levaban antigamente nos pobos cando chovía, e que foron as encargadas de escoltar o carro do Meco. "Tratamos de recuperar o Entroido de tempos pasados", explica Suso Fariñas, presidente da asociación cultural A Pantalla. "Os veciños dos pobos máis próximos á vila viñan cun carro engalanado, tirado por vacas e cun Meco dentro", engade.

Na cita de onte non faltaron os "fachucos". "Nos Entroidos de antes, cando remataba a festa e había que voltar para casa, non había luz no camiño", conta Fariñas. "Os aldeáns alumeábanse cuns fachucos de palla que prendían para poder voltar", engade.

O Meco colgouse na praza Maior en medio de centos de persoas vestidas ao estilo dos anos 20. Todos os que participaron no ritual disfrutaron dunha cea popular na que se serviron chourizos, bica e viño. A programación remataba xa ben entrada a noite cun concerto da agrupación de música folk Pelepau. 

Hoxe, domingo Oleiro

A vindeira cita co Entroido de Xinzo será hoxe no domingo de Oleiro.

Para este evento hai preparadas no Museo Galego do Entroido, máis de 500 olas feitas por un artesán de Niñodaguia.  

 Ás 12.30 horas terá lugar o desfile do carro das olas acompañado pola música de grupos tradicionais procedentes de Sarreaus, Baltar e Xinzo, que non deixarán de amenizar a festa durante todo o día.

Ás 13.00 horas dará comezo o Oleiro infantil na praza Maior. A festa retomarase ao redor das 16.30 horas cun novo desfile das olas. Media hora máis tarde será o turno do Oleiro senior polas rúas e prazas do casco antigo. 

Dende a comisión do invitan aos participantes no Entroido para o día de hoxe a que asistan vestidos con corozas ou traxes vellos e apeiros de labranza dos anos 20 e 30.

Te puede interesar