entroido xinzo 2018

Máis de 2.000 nenos participarán mañá no desfile infantil de Xinzo

_img-20180207-wa0014_result
photo_camera Os organizadores do Desfile Infantil do Entroido de Xinzo.

O desfile terá lugar mañá venres, día 8 de febreiro, a partir das 11,30 horas

O Concello de Xinzo de Limia fará este ano unha gran aposta polo Desfile Infantil de Entroido, un evento no que participarán máis de 2.000 cativos dos centros educativos de Baltar, Os Blancos, Cualedro, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Santos e da propia capital da Limia. 

Co obxectivo de finalizar as tarefas de organización, o edil de Deportes de Xinzo, Luis Miguel Gil, mantivo unha xuntanza cos directores e directoras dos colexios participantes na actividade, na que estivo presente tamén o xefe da Policía Local, Germán Bolaño. 

O desfile terá lugar mañá venres, día 8 de febreiro, a partir das 11,30 horas. O percorrido comezará na avenida de Madrid -dende o cruce coa rúa de San Sebastián- e continuará pola avenida de Ourense, a rúa Marcelo Macías, e chegará ata o Colexio Público Carlos Casares, onde se celebrará unha festa para todos os participantes. Os cativos non estarán sós, senón que irán acompañados dos seus pais e nais e da música de seis charangas: "Nova", "Achicoria", "Cuba Libre", "Sorcha", "Bande" e "Albor". 

As temáticas para os disfraces dos nenos e nenas foi libre, e non se coñecerán ata mañá. Dende o Concello de Xinzo animan a todas as persoas da vila a "facer un oco" para poder presenciar o desfile, xa que será "moi vistoso". 

A festa do Venres Infantil de Entroido retomarase pola tarde, a partir das 18,30 horas, co "Desembarco Pirata de Troula Animación", a música das charangas "BCB" e "Cuba Libre", e o concerto de O Sonoro Maxín. 

Te puede interesar