A mocidade labrega celebra un encontro en Vilar de Santos

Organizado polo Sindicato Labrego Galego, pretende converterse tamén nun intercambio de "experiencias, visitas e articulación da mocidade labrega e gandeira".

O vindeiro sábado 24 de setembro terá lugar no concello limián de Vilar de Santos, o denominado Encontro de Mocidade Labrega, que baixo o nome "Aldeas Revoltas" se celebrará no albergue de Amigos da Terra "As Corcerizas". 

Este encontro ten como obxectivo o debate dos diferentes modelos de produción no sector primario a mans da xente máis nova que forma parte deste ámbito na nosa provincia.

Organizado polo Sindicato Labrego Galego, pretende converterse tamén nun intercambio de "experiencias, visitas e articulación da mocidade labrega e gandeira".

A cita compartirá espazo coa Escola de Acción Campesiña, que comeza o seu "curso escolar" en Galicia nesa mesma xornada. "Compartiremos espazos como os xantares, as visitas e a cea-conversatorio con eles", indican dende a organización. 

O encontro durará todo o día, dende primeira hora da mañá até ben entrada a noite. Pola mañá realizarase un debate en diferentes grupos de traballo no que se pretende "repensar o presenta para construír o futuro" da xente moza que traballa no rural. Xa pola tarde, e tras "un xantar ecolóxico", visitarán unha granxa da comarca para continuar intercambiando pareceres en grupos de traballo de "articulación colectiva da mocidade labrega". Na cea colectiva, informan, "haberá música e baile popular galego, pois entenden que "se non se pode bailar, non será a miña revolta". O evento é aberto –aínda que con aforo limitado–, e para se inscribir, é imprescindible cubrir a ficha que se atopa na páxina web do Sindicato Labrego Galego e remitila é dirección de correo electrónico que alí se indica.

Dende o concello limián afirman estar "orgullosos" de colaborar con eventos coma este. Cabe recordar que Vilar de Santos é un dos poucos municipios ourensáns onde ten crecido a poboación nos últimos anos, debido aos mozos labregos que alí se teñen asentado.

Te puede interesar