melloras

Un obradoiro delimitará dúas zonas no parque de O Toural

Durante nove meses, os participantes no obradoiro percibirán a formación adecuada que aplicarán, posteriormente, a dúas obras concretas

Un obradoiro especializado en albanelería e xardinería formará a 15 alumnos e alumnas limiás dende o presente mes de setembro ata xuño do vindeiro 2019. Tratarase de talleres de formación profesional para o emprego que serán financiados pola Consellería de Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Neste senso, a entidade autonómica outorgou unha subvención de 216.605,25 euros ao Consistorio de Xinzo. 

Durante nove meses, os participantes no obradoiro percibirán a formación adecuada que aplicarán, posteriormente, a dúas obras concretas. Por unha banda, delimitarán fisicamente a parte este e norte do parque da Alameda do Toural e, pola outra, realizarán unha nova sinalización no parque Ponte da Limia ademais de instalar un sistema de rego automático. Tamén abordarán unha plantación arbórea e floral. 

Os alumnos e alumnas deste curso percibirán, como traballadores, unha remuneración salarial durante o tempo que dure o proxecto que ten como outra das finalidades acadar a experiencia necesaria para unha maior facilidade de inclusión posterior no mercado laboral. 

O rexedor de Xinzo, Manuel Cabas López, asegurou que este obradoiro "é importante para a vila", tanto "polas actuacións a realizar" como para dar cumprimento a unha das liñas de traballo do goberno: fomentar o emprego".

Te puede interesar