TRADICIÓN

A Pantalla busca remudarse

photo_camera As pantallas, esencia do Entroido de Xinzo de Limia, están pensando na renovación xeneracional.

A asociación A Pantalla celebra ao longo destas semanas varias asembleas co obxectivo de mudar a súa xunta directiva e apostar polo relevo xeneracional. 21 persoas presentaron a súa candidatura para a nova etapa

Din que o Entroido de Xinzo é "un sentimento". Poderíase dicir que, para moitos, é tamén "un modo de vida" xa que hai máis de dúas semanas que o ciclo rematou pero aínda non se deixou de respirar o ambiente desta tradición tan sentida na comarca da Limia. Proba desto foi o grande éxito de convocatoria da primeira asemblea do ano da asociación cultural A Pantalla á que asistiron ao redor de 60 persoas. O obxectivo desta xuntanza foi, entre outros, "acadar un relevo xeneracional". O éxito foi salientable xa que no día marcado para a celebración da reunión no Museo Galego do Entroido, a asociación rexistrou medio centenar de novas altas e 21 candidaturas para formar parte da nova xunta directiva que será formalizada, previsiblemente, o vindeiro 1 de abril. 

 A través das redes sociais e dos medios de comunicación, os responsables desta agrupación que,  dende hai dúas décadas, traballa a prol da preservación e da posta en valor da figura da Pantalla e do Entroido de Xinzo, fixeron un chamamento á participación de " toda a poboación que sentise esta tradición " para aportar "novas ideas" e continuar con traballo da anterior directiva. A resposta da cidadanía foi, en palabras do aínda presidente da asociación, Suso Fariñas, "sorprendente" e "mostra da ilusión, do interese e da implicación" que teñen moitos limiáns por esta festividade. 

 "Foi unha primeira toma de contacto", explicou Fariñas. "Fixemos un repaso das actuacións que levamos feito ao longo destes 20 anos e mostramos o noso desexo de traballar para manter a nosa actividade ao longo do ano mediante diversas actividades como charlas nas escolas ou obradoiros". 

Outro dos asistentes á xuntanza destacou a "forza e o compromiso por parte da xente nova", e é que a media de idade dos participantes  neste evento estaba comprendida entre os 20 e os 40 anos. 

NOVAS LIÑAS DE TRABALLO
Ademais da mencionada renovación da directiva, as liñas de traballo para os socios de A Pantalla pasan por seguir recuperando e "revalorizando" as máscaras máis tradicionais. Neste punto os asistentes sinalaron que aínda "queda moito por facer" . 

Por outra banda, abordouse a posibilidade dun cambio na forma de traballar. Neste sentido plantexouse a opción de crear distintas comisións de actividades en lugar de "descargar" toda a responsabilidade nos membros da directiva. "O de Xinzo é un Entroido de carácter máis popular polo que un método de traballo participativo sería máis axeitado " , explicou outro dos asistentes.Todas estas cuestións debatiranse na vindeira asemblea. Dende a actual directiva sinalan que queren chegar ao 100 por 100 de participación e, por este motivo, fan un novo chamamento para a participación

Te puede interesar