CONCURSO

Pataca de Galicia busca ó mellor “chef pataqueiro"

<p></p>
photo_camera A última cata de Pataca de Galicia que se celebrou no Hotel Xinzo cos produtores asociados.

Vén de convocar o primeiro concurso aberto aos centros de hostelería

Co obxectivo de promocionar a pataca da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e fomentar a participación dos alumnos dos centros de formación de hostelería de Galicia en actividades relacionadas cos produtos da comunidade, o Consello Regulador limiao, en colaboración coa empresa de eventos Remollo, vén de convocar a primeira edición do concurso "Masterchef Pataca de Galicia".

Trátase de premiar a mellor proposta culinaria que teña ao tubérculo como protagonista, e será a propia Indicación Xeográfica Protexida a que se encargue de enviar a todos os centros galegos participantes patacas producidas baixo o certificado de calidade.

Este xoves abriuse o prazo de inscrición, que terá que formalizarse na secretaría de cada escola, e que se prolongará ata o vindeiro luns, día 12 de novembro. Poderán participar ata un máximo de 12 concursantes por centro, que estarán propostos polo profesorado do mesmo ou concorrerán de xeito libre, tendo como única condición estar matriculados no curso presente.

Coma se de un concurso televisivo se tratase, as probas dividiranse entre probas eliminatorias, unha semifinal e unha final, que se celebrará a partir do 15 de xaneiro.

O vencedor poderá escoller entre un premio en metálico de 500 euros ou un "bautismo profesional" nun evento gastronómico de carácter nacional. Alí o cociñeiro poderá presentar a receita gañadora nun "showcooking" e ante un aforo de público especializado. O xurado, que estará composto por un membro da IXP, un "chef" profesional e un docente de cada centro e premiarán, entre outros, a orixinalidade, o sabor ou a presentación.

Te puede interesar