en a limia

Policía, e gandeiro no tempo libre

img_0970_result
photo_camera O ourensán Manuel Teijeiro na finca onde ten a explotación de vacas Cachenas.

Manuel Teijeiro naceu e viviu sempre en Ourense pero o seu corazón nunca deixou de estar ligado á súa aldea, Boado, onde pasou os veráns axudando aos seus avós na gandería. Agora está creando unha pequena explotación

Manuel Teijero compaxina a súa vocación profesional, ser Policía Nacional na Comisaría de Ourense, coa súa paixón, o rural e a gandería. Este mozo de 39 anos naceu e viviu sempre na cidade pero os seus veráns en Boado (Xinzo de Limia), deixaron pegada no seu corazón. "Crieime en Ourense pero todas as fins de semana e as vacacións as pasabamos aquí, na aldea. Axudábamos ao meu avó, que se adicaba a gandería. Tiña vacas e tamén era agricultor de patacas e de trigo", recorda Manuel. "Eu crieime tamén aquí, e vivín algúns daqueles labores, como ir a coller patacas coa man, quitar o esterco cas picañas ou cargar alpacas. Recordo que todos os veciños nos xuntabamos ao carón do río coas as vacas", engade. 

Os recordos foron tan bos para Manuel que hai preto de nove anos comezou a plantexarse a posibilidade de crear a súa propia explotación. "Empecei co proxecto pouco a pouco. Estiven en Madrid traballando e, cando regresei a Ourense, quixen ter máis contacto coa aldea, así que comprei unha finquiña ao lado do pobo, plantei nogueiras e comecei a preparar todo para ter pitas", explica Manuel. "Indaguei como podía recuperar os montes de Boado a través de razas autóctonas e, por ese motivo, entrei en contacto coa Asociación de Criadores de Razas Autóctonas de Galicia", engade. 

Manuel fíxose primeiro con catro ovellas de raza autóctona galega. "Escollinas todas de cor negro e teño unha blanca, soamente por levar a contraria", asegura. 

Para acoller aos ovinos pediulle a uns familiares unhas fincas que estaban abandonadas. "Desbroceinas e pecheinas. Nunha teño as ovellas e noutra catro vacas Cachenas, as dúas razas están en perigo de extinción", explica Manuel. "A miña idea é dedicarme, no meu tempo libre, a producir unha carne de calidade e de alto valor nutritivo en base ás razas autóctonas. Estou no proceso de crear unha gandería para a producción comercial, que se chamará Montes de Boado", engade. E é que tal e como explica Manuel, as súas vacas aliméntanse de maneira natural, sen ningún tipo de químicos. "A vaca Cachena aproveita moi ben a vexetación que hai nestes montes que é, máis ben, arbustiva", asegura.

A idea do limiao é expandir a súa explotación pouco a pouco. "As fincas que están próximas son privadas pero os veciños de Boado deixaranmas a cambio de que as limpe", sinala o gandeiro. 

Manuel non deixaría de lado a súa vocación de Policía pero asegura que disfruta moito no campo. "Gústame estar na aldea, en contacto coa natureza. Penso que é algo co que disfrutamos todos os galegos, pero está claro que ao non haber moita vida no rural hai que buscar que facer e non deixar que morra, aínda que vivamos nas cidades", asegura. "Eu escápome sempre que podo, últimamente co tema das explotacións cada dous días estou aquí, deixo unha pasta en gasolina", ri. 

O policía ten tamén unha conta de Twitter @MontesdeBoado mediante a que promociona o pobo, a súa historia e curiosidades.

Te puede interesar