A LIMIA

Protección Civil retirou en Xinzo 192 niños de velutina

20190109170506790_result
photo_camera Unha das actividades realizadas pola agrupación nun centro escolar.

No 2017 suprimíronse dous, o que supón un forte incremento que se recolle na memoria da agrupación

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Xinzo de Limia vén de publicar, como cada ano, a súa memoria de actuacións. Durante o pasado 2018, os axentes realizaron 888 saídas, tanto dentro do termo municipal, como noutros concellos e comarcas da provincia de Ourense, sendo os meses de verán e principalmente o de xullo, os de maior actividade, con numerosas festas e celebracións que requeriron da súa asistencia. Concretamente, desprazáronse ata Sandiás, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Maceda, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus, Couso, Muíños, Bande, Trasmiras, Os Blancos, Porqueira, Parada do Sil, Allariz e Xinzo. 

Sen dúbida, un dos datos máis excepcionais que amosa o balance anual de 2018, é o forte incremento dos avisos por presenza de niños de velutina, pasando de dous en 2017 a 192 o ano pasado. Só durante o pasado mes de setembro retiráronse 43. Dende Protección Civil aseguran que estas intervencións foron fructíferas grazas, sobre todo, á colaboración prestada polo corpo municipal de bombeiros. 

Por outra banda, entroutras moitas actuacións e saídas -unha media de dúas diarias-, os voluntarios estiveron presentes en accidentes de estradas, rescates de animais e en todo tipo de eventos. As intervencións de urxencia fixéronse nun tempo medio de entre dous e catro minutos, dependendo dos lugares do concello nas que se fixeran e atendendo a grande dispersión poboacional. Nesta liña, as actuacións máis frecuentes dos voluntarios na Limia, analizando cada mes por separado e dende xaneiro ata febreiro, foron operativos específicos, presenza de animais soltos, accidentes da estrada, os mencionados niños de velutina e incidencias de circulación. 


Formación dos voluntarios


Os voluntarios de Protección Civil de Xinzo, preto de 30 en total, continuaron co seu plan de formación realizando un novo curso do desfibrilador DESA e outros específicos na Academia Galega de Seguridade da Estrada. Ademais, segundo sinalan dende o colectivo, cinco membros da agrupación foron condecorados polo seu traballo e esforzo recibindo un pequeno recoñecemento á súa labor. 

Dende o colectivo matizan que o seu traballo é totalmente desinteresado, e que empregan o seu tempo libre para axudar aos demais. Agradecen, asimesmo, a colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, da Garda Civil de Tráfico de Ourense e de Verín e a colaboración do actual rexedor local de Xinzo, Manuel Cabas.n

Te puede interesar