MEDIO AMBIENTE

Protestas en Xinzo por unha antena para a análise do aire

Protestas en Xinzo por unha antena para a análise do aire

A colocación dunha antena de medición da calidade do aire por parte de técnicos da Consellería de Medio Ambiente na zona do Toural, está a provocar malestar entre os veciños da zona. 

Os feitos remóntanse a finais do pasado ano cando se acometeu un estudo para determinar o mellor emprazamento para a nova estación de control. "Os técnicos estiveron dous meses decidindo o lugar idóneo para a localización da antena", explica Manuel Cabas, concelleiro de Medio Ambiente. "Miraron zonas como a Moreira, a zona do pavillón deportivo e outros pobos da comarca", engade. Finalmente os técnicos decidiron que pola situación e pola seguridade a mellor zona de Xinzo para establecer este medidor do ozono era o Toural.

O malestar comezou co inicio das obras da nova estación. Nun primeiro momento os veciños pensaron que se trataba da instalación dunha antena de telefonía móbil. Aclarado o erro, e despois de persoarse no Concello para aclarar a situación co concelleiro de Medio Ambiente, varias persoas, apoiadas polo grupo municipal socialista, decidiron presionar mediante unha recollida de firmas para que se trocase o emprazamento da nova antena . "Sabemos que é algo positivo e necesario", explica Ramón, un dos veciños da zona. "Pero a situación de abandono e deterioro na que se atopa o Toural é demasiado", engade. 

Eva Oro, do grupo municipal socialista, sinala a falta de preocupación polos parques verdes da vila, por parte do goberno local. "Non estamos en contra de que se coloque a estación, estamos en contra da súa ubicación", puntualiza Oro. Explica ademais, que membros do PSOE de Xinzo e algúns veciños se reuniron cos técnicos encargados do proxecto. "Preguntámoslle aos técnicos se nos concellos onde se colocou esta mesma antena se fixo no lugar que eles crían que era o mellor", relata Oro. "Dixeron que non, polo tanto, é posible colocar  a estación noutro punto que non sexa un parque", engade.

Pola súa banda, Manuel Cabas afirma que seguirán adiante co proxecto e no mismo emprazamento. "Se os técnicos decidiron que ese era o mellor lugar non vamos a correr riscos situando a antena noutro sitio", comenta. "Non se pode contentar a todo o mundo, ás veces hai que tomar decisións". 

Te puede interesar