A LIMIA

O PSOE elevará ao pleno a seguridade na avenida de Portugal

"Non podemos quedar de brazos cruzados ante a inquedanza veciñal e a preguiza do PP, que está nos biosbardos", dixo Lama

 

Os socialistas limiaos rexistraron unha moción no Concello de Xinzo para que se estude a limitación de velocidade e a implantación de elementos que regulen o tráfico, como semáforos intermitentes ou bandas redutoras, na avenida de Portugal de Xinzo. O obxectivo é mellorar a seguridade nesta estrada -OU-304- que comunica a capital comarcal cos municipios de Baltar e Cualedro, ante as inquedanzas manifestadas pola veciñanza das vivendas construidas en ambas marxes da vía de titularidade autonómica, vencelladas coa súa perigosidade e cos accidentes de tráfico que nela teñen acontecido. 

A iniciativa da oposición tamén demanda o traslado do acordo adoptado pola Corporación á Dirección Xeral de Tráfico, de cara á reducción da velocidade se fose preciso -na actualidade está limitada a 70 quilómetros, e algúns veciños piden que se reduza a 50-. 

"A semana pasada un accidente de tráfico con saída de vía puido provocar unha traxedia", advertiu a portavoz socialista, Elvira Lama. "Non é a primeira vez que hai problemas, polo que non podemos quedar de brazos cruzados ante a manifesta inquedanza veciñal e a habitual preguiza do grupo de goberno do PP, que está nos biosbardos", engadiu. Lama recordou que os habitantes da zona "están dispostos a recoller sinaturas para que se tomen medidas".

Te puede interesar