críticas - política

O PSOE limiao critica os gastos en comunicación e a falta de policías

Solicitan unha reunión "urxente e inmediata" da Comisión de Tráfico e Persoal do Concello co obxectivo de esclarecer o feito de que "o sábado e domingo pola tarde non houbera servizo de policía local na vila"

O grupo municipal socialista de Xinzo, encabezado por Elvira Lama, vén de solicitar unha reunión "urxente e inmediata" da Comisión de Tráfico e Persoal do Concello co obxectivo de esclarecer o feito de que "o sábado e domingo pola tarde non houbera servizo de policía local na vila", unha prestación que califican de "básica" dentro da lexislación que lle compete aos Concellos. Lama apuntou que "o PP non pode escudarse na imposibilidade para contratar coa finalidade de tapar a súa incompetencia, xa que as limitacións son as mesmas que en anos anteriores e, daquela, si se asalariaban axentes de reforzo para os meses de verán". 

Por outra banda, a portavoz socialista califica a escasez de persoal neste servizo como algo "insólito e inaudito" agravado pola "falta de aboamento dos salarios que lles corresponde polos traballos nocturnos dende hai un ano, o que provocou que non houbera policías nos servizos de tardes a pasada fin de semana". Ademais, a concelleira da oposición censura que "o grupo de goberno prefire ter un comunicador oficial a soldo e contratado por un ano pola módica cantidade de 21.000 euros, en lugar de pagar policías auxiliares de reforzo para os meses de verán e poder, deste xeito, cubrir as baixas e vacacións". Os socialistas matizan que o número de efectivos de seguridade é de 13, cando habería que ter 18.

Te puede interesar