política local

O PSOE limiao critica a marcha, sen previo aviso, do novo alcalde

A formación critica que este xoves debería ter lugar o pleno ordinario do mes de agosto, pero non hai convocatoria

Os socialistas de Xinzo califican de "bochornosa irresponsabilidade" o feito de que o novo rexedor de Xinzo, Manuel Cabas, marchara de vacacións "sen avisar" e aos poucos días de tomar posesión do cargo. A portavoz socialista, Elvira Lama, asegura que a viaxe do alcalde sen previo aviso "é unha provocación da que soubemos únicamente pola prensa". A concelleira e deputada engade que, como pouco, "podería ter anunciado a súa marcha aos membros da Corporación e non liscar sen avisar, cando está pendente de convocar o pleno ordinario do mes de agosto para tratar temas que están pendentes, así como para facer a labor de fiscalización e control ó grupo de goberno local". 

Os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE pensan que "é unha irresponsabilidade manifesta ausentarse do Consistorio sen explicacións ós poucos días da toma de posesión" e recordan que, con actitudes coma esta, "temos que escoitar cada vez máis a miúdo opinións negativas dalgúns veciños e veciñas ó afirmar que pouco lle importan os asuntos do concello porque nin é de Xinzo, nin lle quere ó pobo".

Os socialistas matizan que os plenos ordinarios da vila teñen periodicidade bimensual e veñen celebrándose habitualmente nos meses de febreiro, abril, xuño, agosto, outubro e decembro, non sen antes convocar as correspondentes comisións informativas de cada unha das áreas, cos asuntos que deben ir logo na orde do día da sesión plenaria. Así pois, o pleno ordinario de agosto debería ter lugar hoxe xoves, tal e como recolle o regulamento do concello, sen que exista convocatoria algunha polo de agora.

Te puede interesar