O PSOE de Xinzo pide ao PP local que se adique “ao que importa"

"Teñen a vila feita unha calamidade e está nas súas mans poñer remedio e evitar males maiores", di Elvira Lama

O grupo municipal socialista critica o feito de que "a inestabilidade gubernamental" do PP local estea deixando á vila limiá "nun estado lamentable en cuestións tan básicas como o mantemento das beirarrúas". Por este motivo, o PSOE de Xinzo esixe a reparación "urxente e inmediata" das mesmas, demandando que se comece pola avenida de Ourense no tramo que pasa polas casas de Santa Mariña: "É de vergonza dar esa imaxe a calquera que veña e, sobre todo, o perigo inmenso que supón de caídas innecesarias", apuntou a portavoz da formación, Elvira Lama. Neste senso, os socialistas informan de que se teñen dado accidentes que remataron en fracturas e torceduras malas de curar. "Polo momento, ninguén reclamou por vía xudicial danos e perxuízos contra o Concello, por ser este responsable civil, pero estarían en todo o seu dereito", apuntou Lama Fernández. 

Para a voceira da oposición no Concello de Xinzo, "a imaxe de abandono e desidia chega a tal extremo que veciñanza e visitantes que se apean do transporte público, bus ou taxi da avenida de Ourense teñen que pasar por unha beirarrúa nun estado tan lamentable que ata lle faltan baldosas". 
"Que se deixen de liortas internas e de gobernos na sombra e se dediquen ao que de verdade importa. Teñen a vila feita unha calamidade e está nas súas mans poñer remedio e evitar males maiores. Non temos esperanza no novo alcalde pero é o noso deber poñerlle deberes".

Te puede interesar