entrevista

"Queriamos evitar que morrese a festa do San Xoán e darlle vida ao Polígono"

photo_camera Iago Taboada, o presidente da agrupación veciñal.

Iago Taboada é o novo presidente da recuperada asociación de veciños do Polígono, que acaba de rexurdir para organizar a festa de San Xoán

Iago Taboada é o novo presidente da recuperada asociación de veciños do Polígono, que acaba de rexurdir para organizar a festa de San Xoán -patrón desta mini vila da capital comarcal- e para darlle un maior movemento cultural e comercial. O evento, que deixou de celebrarse hai máis de 15 anos, volverá por todo o alto con dous días de festa e grupos coñecidos como "O Sonoro Maxín". 

A vosa é a primeira asociación veciñal que existe no barrio do Polígono?

Fai bastantes anos houbo outra que se adicaba a organizar as festas no barrio e a outros fins culturais. Co paso do tempo, e debido a que algúns dos seus integrantes faleceron, foi indo a menos e desapareceu. 

E agora decidistes xuntarvos varios veciños para retomala?

Si, eu levaba un par de anos querendo montar unha pequena festa polo San Xoán. Algúns dos que vivimos por alí xa nos xuntabamos e faciamos unha fogatiña e algunha cousa máis para non deixar morrer a tradición. O ano pasado, polo mes de maio, pensamos en facer algo máis grande pero acordamos moi por riba da data e non nos deu tempo, polo tanto, este ano xa constituimos a asociación para facer todo correctamente. Estamos cambiando os estatutos, porque os que había eran moi antigos, e xa repartimos os novos postos. A participación da xente está sendo moi importante. Queriamos evitar que morrese a festa e darlle vida ao Polígono. 

Con cantas persoas conta para este novo proxecto?

Somos unos 12 na directiva, presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e oito vogais. Estamos comezando a falar coa xente para que se asocien. Queremos contar cos veciños da zona e con todas aquelas persoas do resto de Xinzo que se queiran sumar. 

O barrio do Polígono é un dos que reúne a máis xente nova do municipio?

Somos un barrio con moitos veciños, moitos xóvenes, e onde temos un gran número de servizos: comercios, un multicentro, un colexio e servizos médicos e Garda Civil. Queremos darlle máis vida e melloralo .

En que vai a consistir a festa?

Teremos unha fogueira, da noite do 23 ao día 24, e logo haberá varios concertos, entre eles, o de O Sonoro Maxín, o dun grupo de gaiteiros de Xinzo ou as Xeitosiñas de Baltar. 

Que tal a primeira toma de contacto cos responsables municipais?

Ben, presentámoslles o precartel. Aínda temos algunhas cousiñas no aire, por exemplo, sobre o tema dos xogos populares. Presentaremos o programa definitivo nos vindeiros días.

Te puede interesar