ENTROIDO

Ourense é Entroido: dezaoito días de festa e 300 actividades

Baltar presentou o programa provincial en Xinzo, no marco da reapertura do Museo Galego​

Cando faltan pouco menos de dúas semanas para que teñan lugar os días grandes do Entroido, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, desprazouse ata a capital da Limia -onde a súa festividade máis senlleira acaba de ser declarada de Interese Turístico Internacional- para presentar a programación que se desenvolverá na provincia ao longo das vindeiras semanas. Fíxoo na sala central da sede do Museo Galego do Entroido, na rúa Dous de Maio, entre figuras tan emblemáticas como A Pantalla, o Cigarrón, o Peliqueiro, o Vergalleiro, o Boteiro e outras tantas personaxes que representan aos 27 concellos que celebran esta festividade en Ourense, así como ao resto das provincias galegas. 

Manuel Baltar estivo acompañado polo rexedor de Xinzo, Manuel Cabas López, e por Carlos Valle, integrante da directiva da Asociación A Pantalla, propietaria da maior parte dos fondos cos que conta o Museo Galego do Entroido e encargada de difundir a parte máis tradicional da festividade limiá, representada durante os domingos de Fareleiro , Oleiro e Corredoiro. 

O presidente provincial desgranou o programa festivo, editado pola Deputación dende hai dous anos, e que se poderá consultar na súa páxina web e na do Inorde. Tamén se imprimiron preto de 30.000 exemplares, que serán repartidos polos edificios públicos de Ourense, así como nos distintos concellos, hoteis, restaurantes e puntos máis turísticos da provincia. Baltar destacou que, en total, serán 18 días de festa con máis de 300 actividades, media de 20 diarias. 

"O programa é un resumo, polo miúdo, do máis importante dos Entroidos de 27 concellos ourensáns que teñen unha singularidade especial", explicou o presidente da Deputación. "Recolle todos os eventos dende o 21 de febreiro, ata o 10 de marzo, indicando mañá, tarde e noite, que actividade debe ser visitada porque ten especial interese", engadiu. 

Durante a presentación, Manuel Baltar aproveitou, unha vez máis, para ensalzar os valores de Ourense e o seu potencial termal pero, ademais, calificouna como "a provincia do Entroido. Ningunha outra pode competir con nós". Por este motivo, a Deputación quixo facilitar a visitantes e cidadáns ourensáns este catálogo. 


Unha provincia en festa


O Entroido ourensán comezou, oficialmente, co "Petardazo" de Xinzo o pasado 2 de febreiro, pero mañá xoves, os Compadres marcarán o inicio do ciclo destivo en toda a provincia. 

Ourense, Manzaneda, A Pobra de Trives, Verín, e Viana do Bolo están chamadas a participar desta cita tradicional que, na vila verinsa ten especial arraigo. Trala saída dos Cigarróns, os compadres percorrerán as Prazas maior e da Mercé, e as rúas Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luis Espada, e Lisa. 

Seguindo co Triángulo Máxico, as Pantallas de Xinzo tamén farán a súa aparición por primeira vez no ano esta fin de semana. Será no domingo de Corredoiro, no que a personaxe limiá brincará ao ritmo da música de charanga. O último vértice, Laza, vivirá a súa xornada máis agardada o 4 de marzo coa súa popular Farrapada, pola mañá, e coa Baixada da Morena acompañada das formigas, toxos e cobelleiros, pola tarde.

Outra das datas sinaladas será o vindeiro 28 de febreiro, xoves de comadres, ao que se sumarán nove localidades distintas da provincia: Entrimo, Frei Canedo da Ponte, Laza, Manzaneda, Ourense, A Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo e Vilardevós. Os folións tamén terán un protagonismo importante. Outra localidades máis pequenas como Sarreaus, ou Cualedro, tamén se sumarán á festa.

 


Convenio de transferencia das instalacións


Logo de que tivese lugar a presentación do programa do Entroido e na mesma sede do Museo Galego, o presidente provincial, Manuel Baltar, asinou dous convenios: un co rexedor de Xinzo, Manuel Cabas, e o outro con Carlos Valle, da directiva da Asociación A Pantalla. No primeiro caso, a Deputación asumirá a xestión do espazo co obxectivo de mantelo aberto de maneira regular, de mércores a sábado (10,00 horas - 13,30 horas; e dende as 16,00 horas, ata as 18,30 horas). Os domingos, en horario de mañá (10-13,30 horas). A mostra levaba pechada dende hai máis de un ano, ante a imposibilidade do Concello de Xinzo de xestionala. Este acordo de transferencia das instalacións permitirá ao ente provincial facerse cargo do servizo, en réxime de competencia propia e como prestación pública cultural de carácter supramunicipal, tarefa da que se encargará unha empresa da vila -Amphilocos-. No que atinxe ao convenio asinado coa Asociación A Pantalla, este recoñece a propiedade dos fondos á agrupación e o seu dereito a empregar unha das salas do museo como sede. A Deputación provincial tamén fundou o Consello Asesor do Museo Galego do Entroido, integrado polo Concello, a propia asociación, e entidades locais da provincia nas que o Entroido ten espacial arraigo. 

Te puede interesar