LETRAS GALEGAS

Porqueira lembrou a figura de Carlos Casares

WhatsApp Image 2017-05-15 at 13.24.21_result

Medio centenar de cativos participaron no acto en Rial de Sabucedo

O Concello de Porqueira sumouse ás actividades que terán lugar ao longo desta semana na Limia para homenaxear a figura e a obra do escritor ourensán Carlos Casares, cun acto conmemorativo en Rial de Sabucedo. Vencellado a este lugar por medio dunha tía avoa, Casares pasou longas tempadas no pobo porqueirán acompañado do seu irmán Javier, que estivo presente no acto. "En Sabucedo Carlos aprendeu moitas cousas. Tivo moitos amigos que lle ensinaron o nome das plantas, dos animais e dos paxaros", explicou Javier Casares. "Foi unha infancia moi enriquecedora para el", engadiu.

Preto de medio centenar de cativos procedentes do colexio Carlos Casares de Xinzo foron tamén partícipes desta xornada, que tivo como esceario principal a praza ubicada no centro do pobo e bautizada co nome do escritor ourensán ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Segundo sinalou a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, "trátase da primeira praza que recibiu o nome de Carlos Casares en toda Galicia". 

Acompañados por varios veciños de Sabucedo, os pequenos aprenderon a facer pan no forno público e, posteriormente, escoitaron os contos "Lolo anda en bicicleta" e "A galiña azul" da man do escritor e mestre de teatro Xosé Manuel Fontemoura . 

Logo de visitar a casa familiar, Javier Casares quixo resaltar "o importante traballo que se está a realizar nos centros de ensino galegos con motivo do Día das Letras". Casares engadiu que o seu irmán estaría "moi satisfeito" por que consideraba que "o futuro do galego e de Galicia pasaba polos mais pequenos". 

No acto, que estivo amenizado pola Agrupación de Gaitas de Porqueira, tamén quixose recordar a Mario Penín, primo dos irmáns Casares e falecido onte.

Te puede interesar