Levarán a proposta ao próximo pleno ordinario
"Un plan integral de limpeza que adecente unha vila sumida na suciedade pola desidia do goberno local do Partido Popular", é o que reclaman os socialistas de Xinzo de Limia, que levarán a proposta ao pleno ordinario que terá lugar, previsiblemente, o vindeiro xoves día 31 de agosto.
O grupo socialista reclama que se limpen e se poñan en valor "os parques e xardíns da vila, así como os restantes espazos públicos". A portavoz do grupo, a concelleira Elvira Lama, denuncia "un déficit de xestión por parte do Concello e unha vergoñenta falta de interese en solucionar un problema que cada verán se agrava máis pola ausencia de choiva e as altas temperaturas". Do mesmo xeito, os socialistas destacan que a suciedade "chega a moitas prazas, rúas e beirarrúas, mesmo diante do Concello, onde as beirarrúas están negras e cun cheiro noxento".
Lama sinala que non se trata de facer un maior gasto, senón de "reorganizar e optimizar adecuadamente os recursos que xa temos" e de solicitar a colaboración cidadá neste aspecto.