CRÍTICAS

Os socialistas de Xinzo piden que se arranxe a Escola de Gaitas

O PSOE di que o centro non cumpre coa normativa de accesibilidade e que o teito provoca inundacións varias

O grupo municipal socialista de Xinzo reclama a reforma e a adaptación da Escola Municipal de Gaitas e Percusión por considerar que o edificio sofre "importantes eivas estruturais". Así o recolle o principal grupo da oposición nun comunicado no que a súa portavoz, Elvira Lama, asegura que o centro "precisa dunha atención urxente por parte do goberno do Partido Popular ". 

Os socialistas apuntan a unha serie de deficiencias como que "as fiestras de madeira non pechan ben," o que implica unha importante perda de calor no inverno. Aseguran, por outra banda, que o centro non conta cun sistema de calefacción, algo que se soluciona mediante radiadores eléctricos que provocan "un incremento da factura eléctrica" e, ademais, o tellado "filtra auga ao interior cando chove con forza". 

A oposición socialista reclama que o recinto, que acolle a preto de 200 alumnos, non cumpre coa normativa de accesibilidade "dende a rúa ao interior e á planta superior". 

O edil popular Luis Miguel Gil explicou que as brigadas municipais xa están avisadas para arranxar as deficiencias mencionadas, aínda que tal e como explicou o concelleiro "as inundacións producíronse en casos puntuais e cando as choivas foron moi fortes". "En ningún momento recibimos tales queixas por parte dos usuarios", sinalou Gil. "Aínda así estamos estudando o cambio do sistema de calefacción e as cuestións de accesibilidade, trátase dunha edificación antiga ", engadiu. 

Te puede interesar