CULTURA

O teatro, prato forte do plan cultural para Xinzo

<p></p>
photo_camera (De esquerda a dereita) Alfonso Carlos Lois, Luis Miguel Gil, Manuel López Casas e Carlos Gómez.

O Concello presentou a programación de actividades ata setembro

O rexedor local de Xinzo, Manuel López Casas, en compañía dos edís de Cultura e Deportes, Carlos Gómez e Luis Miguel Gil e o coordinador da Casa da Cultura de Xinzo, Alfonso Carlos Lois, presentou a programación cultural e festiva para a vila que se estenderá aos meses de abril, maio, xuño, xullo, agosto e setembro. O obxectivo é que os veciños teñan "canto antes" a oferta de actividades previstas que, a falta de concretar algúns detalles, xa teñen data de celebración.

Segundo sinalou o responsable da área de Cultura e Festexos, Carlos Gómez, o goberno local quixo facer unha aposta polo teatro humorístico en galego, coa celebración de oito funcións que correrán a cargo de Matrioshka Teatro coa súa obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos"; Deste Xeito Teatro, con "Lolo e mamá"; Malasombra Produccións, representando "D.E.P.-Unha comedia de morte"; Tiruluque Teatro, con "Os cornos son cousa de tres"; Teatro Experimental, co espectáculo "Que medo!"; os locais Aneis Teatro, con "Rúa da tranquilidade"; e as funcións destinadas ao público infantil: "O último dragón!" e "Contos de Primavera", de Teatro Sarabela e Celtia Figueiras, respectivamente.


Semana adicada a Casares


Co gallo do mes da celebración das Letras Galegas e por ser Carlos Casares natural da vila limiá, o Concello adicará a semana do 7 de maio ao recordo do escritor con visitas guiadas a "Os mundos de Carlos Casares"e tres concursos co autor de "Deus sentado nun sillón azul" como protagonista: un audiovisual baixo o nome "A Limia é así"; o premio ao mellor Deseño artístico de cuberta de libro adicado a María Victoria Moreno, e un de ilustración sobre o 50 aniversario da obra "A Galiña azul". No día grande das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, celebrarase unha feira do libro, e a lectura dunha escolma da obra de María Victoria Moreno, que estará acompañada de actuacións de danza galega.

Por outra banda, e para seguir promocionando o comercio local, o Concello limiao acollerase á campaña "Quere o teu mercado" durante a semana do 14 de maio, que se centrará na exaltación da Praza de Abastos.


Abrazo ao río Limia


Escolares de Ponte da Limia e da capital comarcal fundiranse no "Abrazo ao río Limia", nunha nova edición que terá lugar os días 7, 8, 9 e 10 de xuño. Neste senso, os cativos da vila celebrarán as súas galas e festivais de fin de curso do sábado día 9 de xuño, ata o 23 do mesmo mes.

Está previsto que se celebre, por primeira vez, unha exposición canina o domingo día 8 de xullo e un obradoiro de repostería dirixido por Manuel Garea, o luns día 9. Cultura no Camiño tamén retornará a Xinzo, con varios actos.


O "FAX" volverá á vila por segundo ano consecutivo


O Festival de Música Alternativa de Xinzo (FAX) que retornou á vila en 2017 despois de 10 anos sen celebrarse, volverá a ter lugar no parque de O Toural o sábado, 28 de xullo, e estará organizado por Escena Sonora. O FAX logrou reunir no seu regreso a máis de 400 persoas, e parte do recadado -3.200 euros- foi destinado á Asociación de Diversidade Funcional Limisi. 

As festas patronais de Xinzo, que terán lugar dende o 17 ao 22 do mes de xullo, contarán co artista vasco de música folk, Kepa Junkera como cabeza de cartel, ademais das tradicionais orquestas Olympus, Nazaret, e Nebraska. Para conmemorar a festividade de Santa Mariña, a Agrupación Musical da Limia e a Chiquiband protagonizarán a primeira "Festa Popular" que leva o nome da patroa da vila, o venres día 20 de xullo. 

O sábado 21 de xullo celebrarase a sexta edición do Festival de Bandas de Gaitas coa participación das agrupacións de Villa de Xixón (Asturias), Manxadoia (Bueu), A Carballeira (Ourense), Os Blancos, e as bandas "B" e "Titular" de Xinzo. 

As festas completaranse con torneos de chave, actividades deportivas e festas infantís de escuma.

Te puede interesar