CRÓNICA

A versatilidade da pataca limiá

img_1138_result
photo_camera As patacas, nas súas formas máis curiosas, suscitaron o interese das persoas que participaron na festa.

O tubérculo que brota do chan da comarca cobrou vida na festa de Vilar de Barrio, que desafiou á choiva na súa 39 edición

No mundo das patacas, como na vida, hai de todo: tubérculos raros, grandes, pesados, en forma de "mamá pataca" ou de tribu africana. Pero para adentrarse nel e descubrir todas as versións do produto estrela da comarca da Limia é preciso asistir á festa que cada ano se celebra en Vilar de Barrio para ensalzalo e que esta fin de semana chegou á súa 39 edición. Dende a Asociación Festa da Pataca aseguran sentirse orgullosos do labor feito durante estes dous días, así como da acollida veciñal, pois aínda que o regreso da choiva marcou a ponte do Pilar, foron moitas as persoas as que se achegaron á localidade para desfrutar dunha das primeiras citas festivas do outono. 

As charlas sobre o uso de pesticidas nos terreos de cultivo e a evolución da Lagoa de Antela dende a súa desecación ata a actualidade marcaron o inicio da festa. Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, falou sobre o seu proxecto de recuperación do antigo canal antelano e Anxo Pérez probou as posibilidades dos cultivos ecolóxicos. 

Onte, as precipitacións matutinas retrasaron o comezo do día grande, que incluía, ademais, xogos para pequenos e maiores. Sen embargo, unha carpa instalada no centro do municipio salvou a mostra que, con tanto cariño, fixeron os cativos do CEIP de Vilar de Barrio e na que se podía ver patacas tomando o sol ou mesmo pedaleando nunha bicicleta. 

Os participantes poideron disfrutar dun xantar que incluía churrasco, criollo, polo e polbo a prezos populares, e a orquestra Xacobeo puxo a nota musical durante toda a tarde.

Te puede interesar